Hai que comezar a relaxarse. Por @DulceCorcu

Non o digo eu, senón a actriz Carmen Maura, patriota española que abomina de Catalunya e que, coma tal, vive en París e dende alí vén de conceder unha entrevista onde, entre outras cousas, é inquerida sobre a revolución feminina dos derradeiros tempos. Ela considera que é un exceso, que xa está ben de tanto tirarse as rúas e queixarse por todo. Relaxémonos, porque a este paso -di ela- non vai haber home no mundo que se nos arrime, de tan atemorizados que os temos. Que tanta reivindicación e tanta discriminación positiva empacha. Precisamente ela, que para desenrolar a súa vocación de actriz tivo que soportar que o seu por entón marido a privase dos seus fillos, e unha posterior parella ocupóuse de arruinala e deixala cunha débeda millonaria. Pero somos unhas pánfilas que só sabemos dar medo a algúns pobres homes. Quen nos vai querer así?.

Tirar contra o feminismo estase a converter en obxecto cotidián, nunca faltan altoparlantes a quen queira denigrar ou menosprezar o movemento de mulleres que só buscan unha igualdade real entre sexos. Porque contra o que aínda cre moita xente grazas ás intoxicacións mediáticas, feminismo non é odio ós homes: só é non querer ser menos ca eles. Nin tampouco máis. Carmen Maura, preguntada pola situación política, bota de menos un político “que namore”, do estilo de Felipe González. Un seductor que encandile con bonitas palabras e caídas de ollos, o de menos é que saiba gobernar. Parece incrible que o supedite todo a algo tan simple e bobalicón. Coma se fosemos tan parvas que non precisasemos máis que un susurro ao oído e unha mirada intensa de galán de telenovela para sentirnos plenas e ditosas, incluso para elixir presidente do goberno. Pedir que nos relaxemos é un despropósito con tanto por facer. Ao calor do tiro ao branco contra o feminismo, o pai da infortunada Diana Quer, aproveitou o momento para preguntarse públicamente ónde andarían as feministas cando apareceu o corpo asasinado da súa filla, esquecendo sen querer ou aposta, que só as feministas non só se manifestaron, concentraron e reivindicaron a resolución do seu caso nas rúas e nos medios, senón que foron quizais as únicas que non a xulgaron, coma se facía cada tarde en tertulias ou en artigos de prensa “seria” que poñían sobre o papel que andivese soa, que vestise tan provocativa ou que tivese mozos pouco recomendables. A culpa era dela, claro. E das feministas que non estaban alí para firmarlle a seu pai o asunto ese da prisión permanente revisable, única medida que cada vez que acontece un asasinato deste tipo, alguén pon enriba da mesa. Iso das leis de protección non serven para nada, son un sacacartos nada máis. É mellor invertir en cárceres das que despois tirar a chave, por máis que estadísticamente está demostrado que ningún país con cadea perpetua e incluso pena de morte, baixa o seu índice de criminalidade. Tamén que España non é precisamente un paraíso do crime, pero non importa. Todo queda eclipsado polo balbordo que, casualmente, sempre aparece nos casos máis difundidos e durante máis tempo tratados nas televisións e xornais, aproveitando a vulnerabilidade da xente neses intres.
Corren malos tempos para as mulleres que non se conforman con ser, tamén queren estar. Queren chegar a todas partes e se é preciso defendelo cada día, en cada rúa, hai moitas despostas a facelo. Non queren ao seu asasino pechado na cadea de por vida…o que queren é que non as maten. Queren seguir vivas e berralo, loitar por acadalo, e non debería horrorizar a ninguén. O horrible é xusto o contrario…que haxa quen atope que o mellor que podemos facer é relaxarnos e non molestar.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

4 × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.