Lugo Sen Mordazas. A Policía Local expulsou a seis persoas que estaban realizando un acto na Praza Maior a prol da concienciación dos dereitos dos animais

A acción, O Cubo da Verdade (en inglés “Cube of Truth”), é realizada por Anonymous for the Voiceless (Lugo) e lévase a cabo en países de todo o mundo. Consiste nunha serie de persoas vestidas de negro que se xuntan formando unha figura xeométrica, cada unha delas con máscaras de Anonymous.
Portan un ordenador ou unha tablet para mostrar diferentes imaxes co obxectivo de aumentar a sensibilización cos animais. Esta acción levábase facendo mensualmente en Lugo dende Abril do pasado ano sen ningún tipo de problema.
Como todas as veces anteriores, os manifestantes deron aviso na Subdelegación do Goberno con dúas semanas de antelación e en ningún momento recibiron ningunha negativa que impedise realizar a acción. De feito, segundo os organizadores, ata o momento o trato por parte da policía foi sempre cordial.

Nesta ocasión, unha parella da Policía Local interrumpiu o acto cunha “actitude seca”, segundo relataron os participantes, e a pesar de que amosaron a copia do comunicado á Subdelegación do Goberno, dixéronlles que debían marchar alegando que ese papel poderían telo feito eles mesmos e que estaban molestando. Facíase evidente que non existían tales molestias, pois atopábanse na parte de abaixo da Praza Maior, unha rúa peonil ampla onde as activistas se abrían sempre paso para deixar pasar aos poucos vehículos que circulaban. Tampouco recibiron ningunha queixa por parte de ningún transeúnte, senón máis ben o contrario, pois segundo as propias organizadoras e participantes tiveron unha boa acollida.
Para Lugo Sen Mordazas isto supón un episodio máis na coacción da liberdade de expresión por parte da Policía Local de Lugo, un dereito amparado na Constitución que se suma a outros episodios recentes. Parece que as palabras da alcaldesa Lara Méndez de que “empregarían outros mecanismos” unha vez tumbada a ‘Ordenanza Mordaza’, levan tempo en marcha. Dende Lugo Sen Mordazas tomaremos medidas e estudaremos o tema tanto a nivel xudicial como posibles accións en solidariedade coas activistas animalistas e
reivindicando, unha vez máis, unhas rúas por e para todas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.