Manifesto de oito Asociacións sobre o reixeitamento a implantación en Galiza da figura do coordinador parental

As entidades abaixo asinantes manifestamos o noso rexeitamento á implantación en Galiza da figura do coordinador parental que vai ser obxecto de debate no Parlamento de Galicia, polos motivos que pasamos a detallar:

 A figura do Coordinador parental foi creada pola Fundación Filia e posta en práctica por primeira vez no estado español en Cataluña, nun proxecto piloto de seis meses de duración que afectou a unha mostra de casos mínima. A motivación que plantexaba a Fundación para a súa implantación era por unha parte a redución de gastos procesais, pero fundamentalmente centrábase en resolver a suposta problemática do maltrato emocional causado por manipulación dos proxenitores-as cara aos fillos e fillas. Foi creada, pois, baixo os presupostos e métodos da suposta síndrome de alienación parental, tantas veces rexeitada polo Consello Xeral do Poder Xudicial e, a día de hoxe, sen a máis mínima credibilidade no ámbito científico internacional.

Durante a realización do proxecto piloto estableceuse a xurisprudencia que agora empregan os promotores como base xustificativa, que procede principalmente dun poñente da AP de Barcelona.

Non podemos deixar de salientar que o máster na URJC, en convenio con Fundación Filia e con profesorado activamente defensor da teoría ssap e das denuncias falsas en contextos de violencia de xénero e maltrato infantil, foi denunciado ante o Observatorio da Violencia de Xénero (estatal) tanto por ser contrario aos dereitos das vítimas de violencia de xénero e pormover unha ideoloxía misóxina como por alentar prácticas que non se asentan en teorías científicas e que as máis importantes entidades en materia de saúde mental veñen rexeitando de xeito reiterado. A existencia desta denuncia supuxo a suspensión do máster, que contaba entre o profesorado con históricos da ssap no Estado Español como Tejedor Huerta, Aguilar Cuenca ou Serrano.

No caso de Galicia, o executivo fai público ademais que a creación da figura do coordinador parental se realizaría en colaboración cunha das autoras galegas mais prolíficas arredor da suposta síndrome de alienación parental (tamén chamada interferencias parentais, entre outros sinónimos) e a súa vertente “terapéutica”.

O coordinador parental non entende aos nenos e nenas como suxeitos que deben ser escoitados e cuxa vontade debe ser tida en conta. Non se contempla a necesidade de atender ao que o neno ou nena manifesta cando rexeita o contacto cun proxenitor. É un mero vixilante de cumprimento de sentencias relativas aos réximes de visitas e custodia con potestade para axilizar trámites e propoñer medidas.

Neste senso, como entidades preocupadas polo cumprimento dos dereitos das vítimas menores de idade, lembramos que a Convención dos Dereitos do Neno e da Nena recoñece o dereito a manter contacto con ambos proxenitores e cos familiares, agás que sexa contrario ao interese superior do neno ou nena, para o cal debería ser escoitado-a e tido-a en conta. Este dereito non pode ser convertido nunha obriga de contacto e/ou vinculación, especialmente cando o neno ou nena manifeste sentimentos de temor ou rexeitamento cara ese proxenitor ou familiar.

O coordinador parental aséntase nunha ideoloxía misóxina que nega a realidade da violencia de xénero, o maltrato infantil e a violencia sexual. No seu lugar, os seus defensores promoven a idea da denuncia falsa como gran problema do que denominan “divorcios conflictivos”. É polo tanto, unha figura que vai danar profundamente ás vítimas que se atopan en procedementos civís sobre réxime de visitas ou custodia. Lembramos, asemade, que a teoría sobre a denuncia falsa é identificada polas asociacións de loita contra a violencia de xénero e o maltrato infantil, pero tamén de institucións estatais e internacionais, como potencialmente perigosas para as vítimas (CEDAW de NNUU, CXPX, Fiscalía de Violencia de Xénero, entre outras).

As asociacións levamos reclamando dende hai anos máis e mellores medios para o enxuizamento dos delitos cometidos contra mulleres, nenos e nenas, tendo en conta que principalmente estes se producen no ámbito máis próximo. A resposta da administración foi sempre a carencia de recursos económicos para levar a cabo melloras, explicación que neste momento non tería cabida, se temos en conta a asignación coa que o Pacto de Estado acaba de dotar o investimento autonómico neste eido.

Especialmente no tocante á proba testifical da vítima -e en concreto a vítima menor de idade- tense solicitado formación específica que debería mellorar a competencia das institucións á hora de recoller e avaliar o testemuño. Ao mesmo tempo debería dirixirse tamén a evitar a aplicación por parte de equipos psicosociais e forenses, así como dos tribunais, da ideoloxía que propugnan os defensores da suposta síndrome de alienación parental, polos motivos expresados máis arriba, dada a repercusión negativa que ten para as vítimas.

As asociacións recordamos que dende as institucións europeas vense esixindo unha xustiza adaptada ás vítimas e en especial, unha xustiza adaptada á infancia, tanto no eido civil como penal. Entre estas medidas para facer menos impactante o paso polo procedemento xudicial tense solicitado a creación de salas de espera e accesos específicos para as vítimas, coa fin de evitar a confrontación co agresor, evitar os períodos de espera para testificar para que o paso do tempo non dane a capacidade da vítima para recuperar o recordo da maneira máis detallada. Solicitábase tamén a instalación de cámaras Gessell que permitirían, aplicando os protocolos pertinentes, realizar a exploración xudicial dos nenos e nenas vítimas e testigos nun único acto con todas as garantías para a vítima e para o reo. A día de hoxe, a pesar do baixo custo deste tipo de instalacións e de terse facilitado información técnica sobre as características destas salas, segue sen haber ningunha en territorio galego.

É preciso ter en conta que todas estas medidas non so actuarían no senso de evitar a vitimización secundaria, senón que repercutirían moi positivamente na calidade do procedemento que, como tal, depende da existencia de proba incriminatoria. O testemuño da vítima, e principalmente dos nenos e nenas, non se pode garantir nas condicións materiais, temporais e profesionais actuais, pois non responden ás súas necesidades especiais e individuais.

Nestas condicións non é de extrañar que as cifras de sobresementos neste tipo de delitos continúen a ser excepcionalmente altas, como ben sinala o informe de Save the Children,  “Ojos que no quieren ver”, segundo o cal o 70% das denuncias de abuso sexual infantil non chegan a xuízo.

Neste contexto nada facilitador do enxuizamento de delitos no contexto da violencia de xénero e do maltrato infantil, o Parlamento de Galicia estuda a implantación da figura do coordinador parental, que bebe da ideoloxía da denuncia falsa (as estatísticas anuais da Fiscalía indican que a porcentaxe é moi inferior á existente noutros delitos: 0,01%) e a manipulación dos fillos e fillas por parte das nais (co evidente sesgo de xénero e que, a pesar dos intentos reiterados dos defensores da ssap non é aceptado pola OMS e pola APA como trastorno mental, que sería o único que motivaría medidas urxentes e drásticas como as que describe a terapia da ameaza), colocando ás vítimas no maior dos desamparos.

Despois de ter tentado infrutuosamente a aprobación dunha lei de corresponsabilidade parental, por ILP da Asociación Galega de Pais e Nais Separados de Galicia, o parlamento inicia agora o debate para a creación desta figura. A ILP non foi posible levala adiante por falta de competencia da Comunidade Autónoma. A figura do coordinador parental non pode ser introducida sen establecer normativamente as súas funcións, formación, competencias, deberes, principios, etc. Igual que sucedeu no caso da ILP de corresponsabilidade parental, existe neste caso unha situación de falla de competencia.

Opoñémonos pois á creación desta figura, por considerar:

  • Que é contraria á lexislación internacional de infancia que fala dunha administración e unha xustiza adaptadas á infancia, que respecten a vontade dos nenos e nenas, promovan o seu dereito a expresarse e que a súa opinión sexa tida en conta e defendan a consideración do neno e da nena como suxeitos de dereito, non como meros obxectos que son entregados e recollidos.

-Inutiliza o Pacto de Estado de loita contra a violencia de xénero, que promove o recoñecemento das vítimas en todos os ámbitos, pois a función do coordinador diminúe a capacidade de acción da vítima non visible para o sistema penal.

  • Chega nun momento no que as características e medios do procedemento penal continúan a ser insuficientes, o que dá lugar a un índice de sobresementos moi elevado que deixa fóra da protección a unha porcentaxe moi elevada de vítimas.
  • Continúa a haber unha falla de competencia do Parlamento de Galicia para lexislar sobre cuestións civís, como sucedeu no caso da ILP de corresponsabilidade
  • Supoñería indirectamente un pacto coa ideoloxía de Fundación Filia, tendo en conta que a formación é impartida pola entidade, dado que posúe a marca rexistrada do coordinador parental.

Non podemos esquecer a histórica condena ao estado español por parte de Nación Unidas no caso González Carreño, por mor do asasinato da filla da denunciante, de sete anos, durante o réxime de visitas, nin a sempre crecente lista de nenos e nenas que son asasinados durante o tempo de visitas ou custodia que un tribunal lle concedeu ao proxenitor, a pesar das negativas do neno ou nena e das peticións de protección realizadas.

Polo tanto, en base a todo o manifestado SOLICITAMOS:

  1. A paralización do debate sobre implantación do coordinador parental en
  2. Que o Parlamento destine esforzos económicos e organizativos á mellora dos medios materiais e técnicos relacionados con violencia de xénero, maltrato e abuso sexual infantís e participación de nenos, nenas e adolescentes en procedementos civís.
  3. Que o Parlamento se propoña planificar as políticas de igualdade para a protección da imaxe e o honor das vítimas, tan cuestionada nos últimos
  4. Que o Parlamento de Galicia elabore un pacto que debería ser asinado por todas as forzas representadas que blinde a posibilidade da entrada en debate de calquera proposta que poña en dúbida a imaxe e integridade –en senso amplo- das vítimas.
  5. Que o Parlamento de Galicia faga aplicable normativa e orzamentariamente o artigo 12 da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena que obriga ás administración a dar cabida en condicións adecuadas ao dereito do neno e da nena a que se escoite a súa vontade e se teña en conta en todos aqueles aspectos que teñen relación coa súa vida, artigo que se expón polo miúdo na Observación Xeral 12 do Comité de Dereitos da Infancia de NNUU. Deberase facer efectivo este dereito tanto no ámbito penal como civil, como nas actuacións doutras administracións públicas.

Atentamente:

Santiago de Compostela, a 17 de xaneiro de 2019 SR. PRESIDENTE DO PARLAMENTO DE GALICIA

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

trece + 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.