O BNG apoia e rexistra a moción achegada pola Comisión Aberta do Común e a A.VV. de Monte Alto

O Grupo Municipal do BNG na Coruña ven de trasladar á representación da Comisión Aberta en Defensa do Común e a Asociación Veciñal de Monte Alto a súa disposición de apoiar e rexistrar a moción que ambas entidades achegaron durante esta semana a todos os grupos con representación no Pleno do Concello da Coruña a respecto da paralización da poxa da parcela da rúa Adelaida Muro pertencente ao Ministerio de Defensa.

Deste xeito, tanto o candidato a Alcaldía polo BNG, Francisco Jorquera, como a número dous no tándem de cabeceira da formación nacionalista, Avia Veira, que participaron esta mañá na concentración que estas entidades convocaron diante dos espazos localizados no barrio de Monte Alto en demanda da paralización da poxa, aproveitaron para se entrevistar coa representación destas e lles comunicar a súa intención de dar o debate no Pleno ordinario deste vindeiro luns, agardando que os demais grupos se unan á petición e así acadar unha resolución unánime de todas as formacións políticas.

Neste sentido, os portavoces nacionalistas agardan que a Marea Atlántica, o Partido Popular e o Partido Socialista, fagan fronte común “xa que logo, como se sinala na propia iniciativa, redunda no acordo xa tomado polo Pleno do Concello de 11 de abril de 2016, restituíndo para a cidade o que lle é propio. Estamos a falar dun solar de 373 metros cadrados, no número 24 da rúa Adelaida Muro, que como noutros moitos casos, foi un terreo comunal, ou de propiedade do Concello da Coruña, que, ou ben non son utilizados por Defensa, ou ben son obxecto de especulación inmobiliaria sendo terreos de todas e de todos. É inadmisíbel, o lóxico é que deban pasar a propiedade do concello da Coruña para ser empregados para equipamentos públicos”, inciden as nacionalistas.

Así, na propia iniciativa proponse, ademais deste espazo, restituír á titularidade municipal, outras propiedades públicas que hoxe en día son dependentes da administración do Estado, como as parcelas do Campoda Estrada-Maestranza, o vello parque de Automóbiles de Agrela ou aqueloutras que están sendo obxecto de operacións urbanísticas.

Por último, as nacionalistas lembran que a proposta, ademais de demandar a devolución gratuíta do espazo de Adelaida Muro, tamén propón consultar á veciñanza de Monte Alto a súa opinión sobre o uso público desta parcela así como o compromiso de convocar un Concurso de Ideas sobre o seu futuro uso como Centro Social.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce + dieciocho =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.