O BNG Coruña demanda a retirada da distinción honorífica de “Fillo Adoptivo” a Manuel Fraga

O Grupo Municipal do BNG na Coruña vén de manter esta maña unha reunión cunha representación do colectivo de expresos políticos franquistas que esta semana presentaron un manifesto no que se demanda a retirada da distinción de “Fillo Adoptivo” a Manuel Fraga.

Deste xeito, a formación nacionalista trasladoulles o apoio á iniciativa e participoulles a súa colaboración para a difusión da mesma, despois de que este colectivo solicitara ao conxunto de partidos con representación no Pleno do Concello da Coruña, a posibilidade de manter un encontro con cada un deles para lles entregar de primeira man o manifesto Non queremos ao «Camarada Fraga» como Fillo Adoptivo.

Neste sentido, Bloque cualifica de “anomalía democrática” que a esta altura, no ano 2019, se manteña a distinción entregada a Manuel Fraga en plena ditadura, polos “servizos prestados” precisamente durante o réxime franquista, sen “cuestionarse desde as institucións democráticas a necesidade de aplicar rigorosa e necesariamente a Memoria Histórica, e eliminar de vez toda a simboloxía que aínda permanece, tanto aquela visíbel e que nos atopamos todos os días con ela, como os nomes das rúas ou a vidreira do Palacio Municipal, ou con toda aquela menos visíbel pero que honorifica e ensalza a persoas que contribuíron a sustentar e perpetuar o franquismo” sinalan desde o grupo nacionalista.

“Desde o BNG apoiaremos calquera iniciativa a este respecto ligada coa Memoria Histórica; o título honorífico de «fillo adoptivo» outorgado en 1968 non foi casual: distinguía e honraba, en plena ditadura, a un dos seus principais valedores e defensores, destacado falanxista e ministro a aquela altura. Non ten lóxica ningunha que o Concello da Coruña manteña este título. Precisamente, neste momento histórico, contra o fascismo non cabe nin un paso atrás, máis ben ao contrario”, conclúe a portavoz nacionalista Avia Veira.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte − uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.