O persoal de Universal Support mobilizarase contra a deterioración das condicións de traballo

 O persoal de Universal Support, centro de chamadas instalado no concello coruñés de Bergondo, aprobou convocar mobilizacións este mes e o próximo contra a deterioración das condicións laborais. O comité de empresa asegura que a situación provoca un incremento da carga de traballo e numerosas baixas médicas.

Universal Support pertence ao grupo Konecta e presta servizos de centro de chamadas (contact center) para clientes bancarios como o Grupo Banco Santander —que posue o 40 % do capital social de Konecta—, Abanca Servicios Financieros, pero tamén para empresas de telecomunicacións como o operador R Cable y Telecomunicaciones.

Desde a súa orixe, Universal Support estivo ligada ao Banco Pastor, posteriormente absorbido polo Banco Popular. Cando o Banco Santander se fixo con esta última entidade, no verán de 2017, o centro de chamadas pasou a prestar servizos de atención ao cliente para o banco.

Xa nese momento, o comité de empresa queixárase da «escasa» formación que recibiron os traballadores e as traballadoras, pero tamén da falta de asesoramento para resolver as dúbidas no desempeño do seu labor. Isto derivou en moitas ocasións en baixas valoracións do servizo por parte dos clientes, cos consecuentes apercibimentos e mesmo sancións.

Tamén se denunciou perante a dirección da empresa o tramento «despectivo» por parte dos responsables dos servizos, o abuso dos contratos por obra a tempo parcial —con xornadas de 25 horas semanais de luns a domingo—, a implantación de obxectivos para complementar as xornadas semanais ou as dificultades de conciliación da vida laboral e familiar.

Concentracións

O 23 de xaneiro haberá unha concentración fronte ao centro de traballo, en horario de 12:00 a 13:00. Xa o 5 de febreiro, haberá paros parciais de 12:00 a 13:00 e de 17:00 a 18:00.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

16 + cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.