OUeC leva ao pleno a creación dun premio que dote de valor e achegue a cidadanía ao coñecemento do patrimonio local

Monumentos, xacementos arqueolóxicos e edificios históricos padecen en Ourense a “ameaza do abandono de sucesivos gobernos que nada fan para a súa conservación e recuperación”. A iniciativa xurde como homenaxe á figura do ourensán Florentino Cuevillas, antropólogo, historiador, e alcumado como “o pai da arqueoloxía científica galega”

Ourense en Común rexistraba hoxe a moción pola que no próximo pleno formalizarán a súa solicitude para a creación por parte do Concello de Ourense do Premio Cuevillas, que incentivaría a investigación e recuperación do patrimonio local (arqueolóxico, histórico, artístico, natural e cultural…), ao tempo que permitiría homenaxear a memoria do máis grande antropólogo e prehistoriador ourensán do século XX, Florentino Cuevillas, recoñecido a nivel internacional polo rigor e solidez das súas achegas no campo da investigación histórica, ademais de membro das Irmandades da Fala, Cofundador da Revista Nós, académico na Real Academia Galega e membro do Centro de Investigación de Estudios Galegos Padre Sarmiento do CSIC.

Seguindo a liña de traballo en defensa da riqueza patrimonial municipal, e logo de  solicitar en diferentes ocasións no pleno a elaboración dun inventariado e diagnose sobre o estado de conservación dos numerosos bens culturais e monumentos da cidade, Ourense en Común defende ademais como “fundamental” que se garanta o acceso da cidadanía ao patrimonio, “para poder avanzar na súa recuperación o primeiro paso é coñecelo. Así é que non se valora o que non se coñece, e o que non se valora non se protexe. Pensamos que esta é a razón do grao de abandono que monumentos, xacementos arqueolóxicos e edificios históricos padecen na nosa cidade”, explica Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo.

Foto: Ourense en Común

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

12 + siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.