Pontevedra. O campus da Xunqueira impulsa unha ruta para pór en valor a súa riqueza arbórea

EDUARDO MUÑIZ  DUVI PONTEVEDRA 

Un percorrido de dous quilómetros polo campus da Xunqueira que a través dunha base de datos en Google Maps, permite ir identificando e coñecendo as características, das 362 árbores presentes nas diferentes parcelas do campus da Xunqueira. Isto é o que propón a ruta do arboreto do campus, unha iniciativa desenvolvida ao abeiro do proxecto Green Campus que este xoves celebrou a súa presentación. Dous paneis informativos, situados no inicio da ruta, a carón da Escola de Enxeñaría Forestal, e no inicio da parcela que conecta o campus coa rúa Celso Emilio Ferreiro, foron descubertos nesta xornada de presentación dunha iniciativa que se completa coa base de datos á que se accede a través dos códigos QR presentes nestes paneis e na que se atopan xeolocalizadas estas 362 árbores, pertencentes a 54 especies de 28 familias distintas. 

Estamos inaugurando algo que para nós é importante, que ten que ver coa vinculación que do campus co medio ambiente, a sustentabilidade e os espazos verdes”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na presentación desta ruta que “vén a continuar o traballo que se fai desde o Green Campus” no que, lembrou, ponse o foco en buscar “a implicación da comunidade universitaria coa realidade da sustentabilidade”. Nese mesmo senso, o director do Green Campus, Carlos Souto, lembrou que a distinción outorgada ao campus pontevedrés pola FEE (Foundation for Environmental Education), a través da ADEAC, obriga “a ser un pouco pioneiros na defensa do medio ambiente e da educación ambiental”, aspecto este último ao que “pode axudar moito esta iniciativa”, desenvolvida coa colaboración da EE Forestal e da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade. De feito, apuntou o director do Green Campus e o Campus Crea, desde a Vicerreitoría trabállase actualmente na elaboración dunha unidade didáctica que permita que esta ruta poida servir tamén como ferramenta educativa para escolares.

Unha riqueza que estaba aí e que agora está na rede

Xunto aos responsables da Vicerreitoría, esta presentación contou coa participación do director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e do técnico da escola que coordinou o proxecto, Luis Torres, así como do alumno do centro que, ao abeiro da bolsa Green Campus, levou a cabo este proxecto, Emilio Iglesias. “O máis importante deste proxecto é que permite pór en valor algo que xa tiñamos, as árbores xa estaban aí, polo que creo que o esforzo en comunicar o que temos e que ao mellor a xente non coñece, que os propios xardíns do campus sexan no fondo unha infraestrutura formativa, é o máis bonito deste proxecto”, salientou Picos, mentres que Torres encargouse de debullar os detalles dunha iniciativa que dá continuidade ao inventariado destas árbores e á colocación, o pasado curso, de 30 carteis identificadores dalgúns dos exemplares máis representativos deste arboreto, dotados tamén dun código QR que permiten obter máis información de cada exemplar.

Formado por árbores nativas de ata 40 rexións diferentes, desde China, Xapón ou Corea, ata Europea, Estados Unidos ou Nova Zelanda, ao longo do campus poden atoparse amieiros, maceiras, freixos, bidueiros, pradairos, magnolios, castiñeiros, acivros, oliverias ou salgueiros xunto con grandes exemplares de Platanus hispania ou do Cedrus deodara, o cedro do Himalaia, sendo as especies máis representadas o bidueiro (Betula), con 39 exemplares; as moreiras (Morus alba) e os freixos (Fraxinus), representadas ambas por 24 árbores.

Todas e cada unha das 362 árbores contan agora, explicou Torres, cunha ficha na base de datos “á que pode accederse a través dos códigos QR dos paneis”, e que permite obter información como o nome científico e os nomes comúns en galego e castelán, á familia ou grupo ao que pertence e a rexión de orixe de cada exemplar. Así mesmo, esta base de datos tamén permite clasificar estas árbores segundo á súa clase (coníferas ou frondosas) e á familia á que pertencen e complétase cunha serie de fotografías 360 de diferentes puntos do campus así coa xeolocalización de diferentes servizos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro + once =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.