Salvemos a Fracha’ insiste nos efectos negativos de todo o trazado da autovía A-57 e reitera a petición de paralización

A plataforma veciñal ‘Salvemos a Fracha’ quere insistir nos efectos negativos que ten todo o trazado da autovía A-57 no rural de Pontevedra e de todos os municipios das provincias de Pontevedra e A Coruña polos que pasa o trazado proxectado polo Ministerio de Fomento e reitera a súa petición ao Goberno de España para que paralice esta obra completamente innecesaria que supón un malgasto de fondos públicos.

O colectivo integrado por veciños da parroquia de Marcón contrarios a este proxecto do Ministerio de Fomento amosa a súa solidariedade cos veciños de Xeve e Bora que nos últimos días manifestaron o seu rexeitamento aos dous trazados alternativas propostos para o tramo da A-57 entre A Ermida e Pilarteiros e lembra o impacto negativo que a autovía terá es espazos de gran valor ambiental, social e económico destas dúas parroquias do rural de Pontevedra.

Os danos son facilmente presaxiables á vista dos proxectos que manexa Fomento e, ademais, pódese comprobar directamente o seu impacto no monte da Fracha, unha serra na que xa se está a construír desde hai máis de tres anos o primeiro tramo da A-57 entre Vilaboa e A Ermida e que quedou desfeita polas máquinas. A paraxe natural, lugar de esparexemento habitual de miles de persoas, está a sufrir escavacións, desmontes e todo tipo de agresións que, aínda que agora se paralizasen as obras, serían irreparables.

A pesares de que A Fracha está desfeita e a Audiencia Nacional rexeitou a demanda interposta para a paralización da obra, ‘Salvemos a Fracha’ mantén a súa petición de que debe poñérselle fin a este despropósito, pois considera que aínda estamos a tempo de salvar outras puntos do rural da comarca de Pontevedra e do resto da provincia.

Apostamos, polo tanto, por parar un proxecto que, como a plataforma sostén desde 2014, supón duplicar infraestruturas cando existe unha alternativa lóxica á súa construcción: a liberación da autoestrada AP-9, cuxo trazado discorre paralelo ao proxectado para a A-57 Norte-Sur entre A Coruña e o sur de Pontevedra.

‘Salvemos a Fracha’ apoia a petición iniciada polos veciños de Bora e a empresa Hifas da Terra na plataforma dixital Change.org en contra deste proxecto e lembra que os apoios recollidos se sumarán ás 20.000 sinaturas que o colectivo xa entregou en 2015 ao Ministerio de Fomento para pedir a paralización do proxecto para construír a autovía A-57. Os apoios recolléranos tanto a través dunha petición en Change.org hoxe pechada (xuntara 15.828) como en persoa nos distintos actos reivindicativos organizados polo colectivo. A petición era a seguinte:https://www.change.org/p/ministerio-de-fomento-frenen-la-construcci%C3%B3n-de-la-a-57-en-pontevedra-un-nuevo-despilfarro-sin-sentido

No momento actual no que se está a debater entre dúas alternativas para o trazado A Ermida-Pilarteiros, ‘Salvemos a Fracha’ pide ao Ministerio de Fomento que non reitere os malos vicios do pasado, pois as alegacións que presentamos nós e outros colectivos afectados polo primeiro tramo da A-57 non foron tidas en conta. Tamén se demanda ao Concello de Pontevedra máis seriedade da amosada ata o de agora, que defenda aos seus veciños pedindo a paralización do proxecto e que, en todo caso, non siga a mentir transmitindo que esta infraestrutura non é a circunvalación de Pontevedra. Xa hai anos que quedou demostrado que non o é por razóns de lóxica (en atención ao seu trazado) e tamén por razóns técnicas. De feito, os propios técnicos do informe do Ministerio de Fomento refírense a esta autovía como corredor norte-sur A-57 e nunca como circunvalación.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

12 − 11 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.