A Xunta inviste preto de 2 millóns de euros en novas obras e servizos para a veciñanza de Muras, unha achega que supera o orzamento municipal

O delegado territorial José Manuel Balseiro fixo balance dos principais investimentos no municipio onde a contía máis relevante (900.000€) está destina ao apoio aos profesionais do medio rural

A Xunta de Galicia investiu preto de dous millóns de euros, no último ano, en novas obras e servizos en beneficio da veciñanza de Muras, unha achega económica moi relevante que incluso supera a totalidade do orzamento municipal (1,8M€) do que dispón este concello.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que visitou esta mañá a localidade, quixo facer balance destes investimentos e poñer en valor o compromiso do Goberno galego como a administración que máis inviste en Muras.

“De feito, as achegas da Xunta son aínda maiores, se temos en conta que nesta cifra de investimentos de máis de dous millóns de euros, non están incluídos outros servizos públicos importantísimos, sostidos e financiados pola Xunta, como son o funcionamento do centro de saúde e do colexio da localidade”

Ampliación da rede de abastecemento e novas caldeiras de biomasa

As achegas máis relevantes no municipio teñen que ver cos apoios aos profesionais do medio rural. Destináronse máis de 900.000 euros en axudas directas a agricultores e gandeiros, que serviron, entre outros, para financiar os de plans de mellora, novas incorporacións e de apoio a pequenas explotacións

As achegas da Xunta, permitiron tamén investir máis de 400.000 euros en novas infraestruturas e equipamentos. Entre eles a posta en marcha das redes de saneamento en cinco núcleos da localidade (Musdradas,  A Bidueira, Abelaira, Cabanela e Ucheiras), a instalación de caldeiras de biomasa na Casa do Concello e na Casa da Cultura (Casa Rouco) ou a compra de material para a creación dunha aula da natureza itinerante.

En materia de infraestruturas, Muras tamén foi un dos municipios beneficiados polas distintas fases de mellora da LU-540, estrada da Gañidoira, na que se desenvolveron tarefas de reforzo do firme e mellora da calzada naqueles puntos nos que, polo uso e os condicionantes climatolóxicos, presentaba algún deterioro.

O Goberno galego tamén financia importantes achegas para en materia de benestar. De feito, neste período destinou máis de 150.000 euros ao sostemento do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes. Outros apoios relevantes están no ámbito do emprego, máis de 280.000 á posta en marcha do obradoiro que comparte cos concellos de Ourol e do Vicedo e 24.000 euros adicionais para a contratación dun socorrista e dous traballadores ao abeiro do programa Aprol Rural.

A Xunta tamén achegou preto de 200.000 euros a Muras con cargo ao Fondo de Cooperación Local, unha contía que o Concello pode destinar a financiar aquelas obras e servizos que estime máis convenientes, sen ningún tipo de traba ou condicionamento.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

11 − 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.