Avia Veira: “Orzamentos que resumen os incumprimentos da Marea e certifican a súa renuncia a un cambio real”

 “Son uns orzamentos nos que se resumen os incumprimentos do goberno municipal, que certifican a súa renuncia a un cambio real na cidade”, dixo Avia Veira esta tarde no pleno durante o debate das contas municipais para 2019. “Este é un goberno que promete cousas que logo esquece. Prometera iniciar neste ano a re-municipalización das bibliotecas pero aparece unha partida semellante ao do ano pasado para seguir pagando á concesionaria; prometera un banco público de locais comerciais que desde o BNG apoiamos e non hai partida para iso; comprometérase a elaborar un plan industrial tamén a iniciativa nosa e tampouco aparece por ningures ese plan; prometeu unha reordenación das liñas do bus e un carril bus e a única partida que hai para mobilidade é para pagar un estudo á Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona.”

Veira sinalou outros exemplos de contradicións e omisións nas contas que presentaba hoxe o goberno: unha partida de 380.000 euros na área de Participación Cidadá para novos gastos en aplicacións tecnolóxicas “mentres apenas se destinan 180.000 euros para obras de mantemento no Rexistro en María Pita ou no Forum Metropolitano”, indicou, antes de chamar a atención sobre o feito de que Medio Ambiente destine unha partida a obras nos bosques “das cinco illas” e “Breogán” cando eran actuacións que debe efectuar a empresa que ten a concesión de parques e xardíns. Veira cuestionou a asignación para a Renda Social e para o programa de Emerxencia Social e preguntou ao goberno polo grao de execución desas partidas.

A concelleira nacionalista indicou que o BNG se abstivo na votación dos orzamentos porque “son uns orzamentos que non nos gustan: están cheos de carencias, fixéronse ás présas e sen abrir ningunha negociación para contar coas nosas achegas. Abstémonos porque entendemos que sempre queda a opción que, de pasar a aprobación inicial, poderiamos facer achegas ás contas”. Avia Veira insistiu no atraso nos prazos e díxolle a concelleira de Facenda que tome nota do “fracaso na tramitación dos orzamentos e escoite ao BNG, que volve advertir sobre a urxencia de elaborar un modificativo canto antes para atender os convenios porque detrás deses convenios hai empregos e necesidades sociais urxentes ás que dar resposta”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte + dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.