Ciudadanos pide iniciar cunha partida nos Orzamentos municipais deste ano a conversión a un só carril da Ronda da Muralla e da Avenida da Coruña

Olga Louzao di que “a cidade necesita Orzamentos” e pide “que sexan de consenso para que sexa quen sexa o encargado de executalos despois das eleccións dispoña dunha ferramenta válida para traballar xa no primeiro ano de mandato”

A voceira do municipal de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, mostrou hoxe a súa “absoluta disposición” a negociar coa alcaldesa, Lara Méndez, a aprobación duns Orzamentos municipais para 2019“co ánimo de que a cidade non siga paralizada”.

Olga Louzao explicou que “a ausencia de contas aprobadas para este exercicio ten bloqueadas máis de medio cento de actuacións importantes na cidade” e criticou a “falta de iniciativa do Goberno, que a estas alturas, a mediados xa de febreiro, non foi capaz nin de sentarse a falar co resto de grupos municipais”.

“Non queremos que o ano 2019 sexa un ano perdido por culpa das eleccións e pensamos que dado que en maio é posible que haxa cambio de Goberno, o Orzamento que se aprobe ten que ter o máximo consenso posible para que sexa quen sexa o encargado de executalo despois das eleccións dispoña dunha ferramenta válida para traballar xa neste primeiro ano de mandato”, defendeu.

“Desde logo, no ánimo de Ciudadanos non está poñer paus nas rodas a ningún goberno. Ciudadanos é un partido construtivo e pensamos que o ben da cidade de Lugo debe estar por enriba de calquera interese político ou electoral. Por iso, e aínda sendo moi críticos coa xestión que está a realizar Lara Méndez no Concello, estamos dispostos a aprobar uns Orzamentos para 2019 sempre que o Goberno mostre disposición ao diálogo”, engadiu.

Para lograr o voto favorable de Ciudadanos, que poderían ser clave para que as contas municipais saian adiante, Olga Louzao pide que se cumplan dúas premisas:

1.- Aparcar a Relación de Postos de Traballo proposta polo Goberno socialista e que mantén en pé de guerra á maioría dos traballadores municipais. “Lara Méndez non pode pretender aprobar nos últimos 100 días do seu mandato un documento que é polémico e que é unha herdanza envelenada para o seguinte Goberno”, argumenta Olga Louzao. A RPT é un documento básico da organización municipal e ten reflexo económico nos Orzamentos.

2.- Incluír unha partida de 4 millóns de euros para iniciar a conversión a un só carril de circulación da Ronda da Muralla e da Avenida da Coruña. “En Ciudadanos pensamos que se trata dunha importante actuación de futuro para Lugo que queremos levar a cabo desde o Goberno nos próximos anos pero que pode ser compartida tamén por máis grupos da Corporación, polo que debería aparecer nos Orzamentos municipais de 2019 como unha das principais partidas a incluir”, solicitou Olga Louzao.

A proposta de Ciudadanos consistiría en reducir dos dous carrís actuais a tan só un a circulación na Ronda da Muralla, para poder deste xeito ampliar as beirarrúas e gañar espazo de paseo e lecer na zona máis próxima á Muralla. Olga Louzao propón “comezar esta actuación no tramo da Ronda da Muralla comprendido entre Montero Ríos e a Porta de San Fernando para ir expendendo paulatinamente esta transformación ao resto da Ronda”. Ciudadanos traballa xa nun deseño técnico que presentará nos vindeiros días e que incluirá no seu programa para os vindeiros 4 anos.

De xeito complementario, Ciudadanos propón dar continuidade a esta actuación convertendo en unidireccional e reducindo tamén a un só carril de circulación o primeiro tramo da Avenida da Coruña, desde a San Fernando até a altura da Praza da Milagrosa, ampliando as beirarrúas e o espazo destinado aos peóns para dinamizar deste xeito o comercio local. “Trátase dunha das principais rúas comerciais da cidade e tamén das de maior fluxo de peóns pero conta cunhas beirarrúas moi estreitas que non animan a mercar nin a pararse”, defendeu a voceira de Ciudadanos, que presentou onte esta proposta á Asociación de Autónomas, polas que foi ben acollida, así como temén por parte de comerciantes da Avenida da Coruña.

Foto: SER Lugo

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

18 + 18 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.