Feijóo presenta ao Porto de Miami e ás compañías de cruceiros as oportunidades que Galicia ofrece en turismo e construción naval

Destaca o obxectivo do plan estratéxico do Porto de Miami, que aspira a alcanzar os 10 millóns de pasaxeiros en cruceiros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe unha intensa xornada de traballo marcada pola visita ao Porto de Miami, onde presentou as oportunidades que Galicia ofrece en turismo e construción naval; e, posteriormente, polo encontro con empresas relacionadas co contract, co obxectivo de que o sector galego siga sendo unha referencia internacional, con presenza nos principais proxectos de todo o mundo.

A primeira hora da mañá, o titular do Executivo autonómico visitou, xunto ao clúster do turismo e as Autoridades Portuarias de A Coruña, Ferrol e Vigo a terminal de colectores e a terminal de cruceiros para, logo, celebrar unha xuntanza coas principais compañías de cruceiros no condado de Miami.

Durante a visita, Feijóo destacou o obxectivo do plan estratéxico do que é un dos portos máis importantes do mundo, que aspira a alcanzar os 10 millóns de pasaxeiros en cruceiros, e aumentar o número e tamaño das zonas de atraque. “Estamos a falar do maior porto de cruceiros do mundo”, dixo, aseverando que, desde todos os puntos de vista, o Porto de Miami é un socio privilexiado para Galicia.

Ao respecto, aproveitou a xuntanza para agradecer o interese amosado nesta visita por coñecer o potencial da Comunidade neste ámbito e poñer en valor a Galicia como escala de referencia na costa atlántica.

“En definitiva, queremos que Galicia se coñeza nas rutas cara á Europa e que as autoridades portuarias, autoridades políticas e os operadores de Miami coñezan as posibilidades que ofrece a Comunidade de cara á establecer contactos estables e fiables”, precisou.

Así mesmo, Feijóo transmitiu a capacidade de Galicia para dar resposta á necesidade de construción de cruceiros nos vindeiros anos, xa que a demanda de cruceiros aumenta cada ano, con crecementos acumulados superiores ao 50% nos últimos dez anos e baixo a previsión de que ata 2027 entren en funcionamento máis de 110 novos buques en todo o mundo.

O presidente da Xunta fixo fincapé en que esta demanda é unha oportunidade para o naval galego, que xa demostrou cos cruceiros do Ritz Carlton as súas capacidades para desenvolver proxectos.

Por outra banda, e no ámbito das mercadorías, Feijóo fixo fincapé na situación estratéxica do Porto de Miami, unha das principais portas de entrada de Estados Unidos para os produtos manufacturados de Latinoamérica e do Caribe; e expresou o interese de que Galicia estea presente en novas rutas comerciais.

O contract galego, un sector con gran experiencia internacional

Logo da visita, o titular do Goberno galego, xunto á delegación galega, mantivo unha xuntanza con empresas do sector do contract.

Ademais de ser líder en innovación, o presidente da Xunta destacou a gran experiencia internacional do sector galego, xa que nalgunha destas empresas o 95% total da súa facturación provén do estranxeiro. E constatou as posibilidades que existen en Miami tanto no ámbito residencial, como no contract hospitalario ou nas cadeas hoteleiras.

Cómpre salientar que o sector galego xa é coñecido en Estados Unidos, onde varias industrias están implantadas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.