Galicia inicia en Xantar a exaltación dos produtos do mar que este ano realizará en máis dunha ducia de feiras internacionais

Esta feira internacional conta con máis de 270 expositores que mostran unha ampla oferta cultural, turística e gastronómica e coa presenza de máis dunha ducia de países

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o valor do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar como escaparate que “dá a coñecer os nosos produtos e a nosa oferta gastronómica e que dá visibilidade a Galicia”. Neste sentido, sinalou que esta feira é a primeira das máis dunha ducia nas que a Xunta estará presente durante este ano, o que levará a Galicia a difundir a calidade dos produtos do mar en lugares como Hong Kong, Boston ou París, entre outros.

Así o expuxo a titular de Mar durante o acto central do Día do Mar no 20º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, a feira que acolle Ourense desde o catro ata o 10 de febreiro e na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Alí a conselleira tamén subliñou que estes certames, “son fundamentais para a xeración de riqueza socio-laboral e económica para Galicia, pois permiten continuar adiantando posicións e consolidar as xa adquiridas nos mercados nacional e foráneos”.

Nesta liña, Rosa Quintana enxalzou a tradición, a autenticidade e a calidade dos produtos do mar de Galicia. Unhas características, sinalou, que se comproban a través das degustacións que a Consellería do Mar ofrece no marco desta feira e nas que son protagonistas os produtos con selo de calidade pescadeRías, como a vieira, a faneca ou o polbo e o mexillón de Galicia e as campañas O noso, con selo e Namórate dun galego.

Tamén a lamprea, que vén da man da Confraría de pescadores de Santa Tecla, o bonito do Norte, coa campaña Aquí facémolo bonito, en colaboración con Armadores de Burela (ABSA) e as conservas coa campaña Cata a lata, da man de Anfaco-Cecopesca. Ademais de ofrecer estas degustacións, a Consellería do Mar está presente en Xantar cun posto dunha superficie de 60 m2.

Con estas accións, subliñou Rosa Quintana, “Galicia pode exhibir con orgullo as bondades da súa terra e do seu mar neste escaparate”. Un escaparate, lembrou, “aberto aos máis de 24.000 visitantes que pasaron por aquí o ano pasado e no que máis de 270 expositores mostran unha ampla oferta cultural, turística e gastronómica”.

Ademais a conselleira destacou o “marcado carácter internacional” desta feira, que conta coa presenza de máis dunha ducia de países, e que nesta edición dá un papel protagonista a Brasil. A titular de Mar tamén se referiu a Xantar como “o punto de encontro coa promoción gastronómica e o fomento dos recursos turísticos da nosa rexión, ao conxugar á perfección a calidade dos nosos produtos coa excelencia competitiva dos nosos servizos”.

Por último, Rosa Quintana agradeceu á cidade de Ourense o seu papel como “embaixadora de Galicia nestes días”, a todos os profesionais que fan que a feira Xantar sexa unha realidade e a Expourense “por facer que tras 20 anos esta plataforma sexa por uns días o epicentro da restauración internacional”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 − uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.