O conto da criada. Por @DulceCorcu

Quizais non anden lonxe os tempos nos que a distópica serie “O conto da criada”, sexan unha realidade. Aí está Pablo Casado, líder único e supremo do Partido Popular, pedindo a derogación da Lei do Aborto porque o que cómpre é ter máis fillos, que por suposto teñen que coidar e criar as mulleres que, por ende, non poderán desenvolver as súas profesións ou terán que renunciar en gran medida a prosperar nelas. Que despois de todo que hai máis bonito para unha muller que ser ama de casa. A menos que, coma na serie ou na vida real, sexas deses elixidos que poden permitirse pagar para que che fagan esas engorrosas labouras. Así o deben ver tamén nun artigo do xornal La Voz de Galicia, que nas páxinas da sección de Economía, clama contra a subida do Salario Mínimo Interprofesional que elevará nuns cantos euros ese privilexio de ter empregada do fogar, e haberá casos e todo no que deixarán de poder permitirse ter unha persoa -maioritariamente mulleres- que se ocupen de que as clases pudentes non teñan que coller nunca unha vasoira ou planchar unha camisa. 

Para corroborar o equivocado desa subida a novecentos euros, o xornal cita ao presidente da patronal española, a CEOE, que se laia de que claro, se hai que pagar máis aos traballadores, obrigan a que se prescinda dos traballadores. Que nin que iso da escravitude fose para tanto. As clases “populares” sempre queixándonos por todo, non coma el, que sobrevive co seu modesto soldo de trescentos mil euros anuais, humilde onde os haxa. Di Antonio Garamendi que bueno, que tampouco nos imos poñer na periferia coma se fosemos dunha gran cidade coma Madrid ou Barcelona, onde cobrar máis é normal, pero son aspiracións que non debe ter un galego ou galega en absoluto, segundo a súa teoría. Se somos unha Comunidade pobre de solemnidade tampouco queiramos vivir coma un españolito medio. Para o xornal que publica o artigo, debeu ser un enorme exercicio de ciencia ficción poñerse na pel da empregada do fogar e contar esa mínima subida de soldo dende a súa óptica. Un beneficio que lle permitirá chegar con máis folgura a fin de mes, incrementar o consumo ou poder mercar as mediciñas que non cubre a Seguridade Social para as dores consecuencia do seu traballo. Tamén poder darse o luxo de cando en vez de ir a un fisioterapeuta a tratar eses problemas eternos de costas, un pequeno alivio que cos apenas seiscentos euros anteriores eran algo inalcanzable.
Son cousas que ao señor da patronal tanto lle teñen, preocupado únicamente porque o empregador pague o menos posible ao empregado, pero abraia a pouca sensibilidade do xornal, coma se entre os seus lectores só houbesen señores executivos, empresarios e burgueses que ven mermados os seus ingresos en case tres mil euros ao ano por culpa do conto da criada. O que quizais non saiban no xornal é que servir non é indigno. Ser servo, sí.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

18 − dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.