Román Rodríguez subliña que o bo resultado do turismo en 2018 afianza a Galicia como un destino máis competitivo e de calidade

O conselleiro de Cultura e Turismo presentou hoxe o balance do pasado ano no que sobresae o paso adiante dado na mellora do nivel do gasto ou no emprego

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, fixo hoxe balance da actividade turística en Galicia en 2018, nun almorzo informativo celebrado en Pontevedra onde salientou que os resultados acadados polo sector afianzan á Comunidade como un destino cada vez máis competitivo e de maior calidade, dous dos principais obxectivos aos que o Goberno autonómico dedica as súas políticas nesta materia.

En total, Galicia rexistrou preto de 4,8 millóns de visitantes que realizaron un total de 10,2 millóns de pernoitas nos distintos establecementos de aloxamento regrado. Como afirmou, trátase do segundo mellor resultado da serie histórica, que se produce en paralelo a unha mellora nos aspectos vencellados á repercusión económica e cualitativa deste sector.

Román Rodríguez subliñou que esta consolidación está a producirse despois dun lustro de intensos crecementos nos que a demanda turística medrou un 27% na Comunidade. Malia que esta suba foi xeral, destaca o avance do turismo internacional, do 44% tal e como reflicten os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), base fundamental do balance presentado polo conselleiro. Neste sentido, comentou a necesidade de traballar con fontes sólidas e fiables que permitan avaliar o resultado dos plans e proxectos no eido turístico.

En conxunto, fixo así unha valoración “moi positiva” do 2018 para o turismo en Galicia. Na súa opinión, foi un ano no que Galicia avanzou “en obxectivos que deben ser obxectivos de todos, non só da Xunta, tamén do resto de administracións e do propio sector”. Ao respecto, asegurou que estes resultados “non serían posibles sen a intensa colaboración público-privada mantida nos últimos anos e, sobre todo, sen o esforzo dos profesionais do sector”.

O conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; a xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Pontevedra, Mª José Echeverría, e o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro.

12 puntos máis de ocupación

Galicia mantén a oitava posición a nivel nacional no número de turistas e destaca a súa progresión en aspectos como a estadía media. De feito, foi a Comunidade cunha mellor evolución neste sentido. O tempo que os turistas pasan en Galicia medrou preto dun 3% mentres que no conxunto do Estado caeu un 1,8%. A ocupación, cun lixeiro ascenso, volveu marcar máximo histórico e xa está 12 puntos por riba do resultado acadado en 2012.

“Os turistas que chegaron a Galicia decidiron alongar a duración da súa viaxe. E isto, inevitablemente, débese a que atopan motivos para continuar máis tempo. Gústalles o que se lles ofrece e optan por permanecer”, declarou o titular de Cultura e Turismo.

295 millóns de ingresos

Igualmente, o sector hoteleiro viu melloradas as súas tarifas nun 2,3% ata a cifra máis elevada da década, do mesmo xeito que a rendibilidade. Esta última, medida a través do ingreso medio por habitación dispoñible (RevPAR), incrementouse un 2,8% fronte ao 1,6% estatal. Así, o sector hoteleiro obtivo uns ingresos de preto de 295 millóns de euros.

O nivel de gasto tamén se viu incrementado en todas as tipoloxías. Así, os turistas internacionais desembolsaron en Galicia un 3,8% máis que o ano anterior. No caso do turismo interno e o nacional, a falta de datos definitivos, apúntase xa a un crecemento do 8,4% e do 1,7%, respectivamente, o que ratifica os positivos resultados acadados polo sector.

“Mellorar en todas as variables inflúe no desenvolvemento de Galicia, inflúe na nosa riqueza e inflúe no noso emprego”, indicou Román Rodríguez. Por iso, como manifestou a continuación, “é tan importante coidar do turismo e traballar pola súa mellora permanente”.

Máis turistas fóra do verán

Especial interese amosou polo destacado avance na distribución dos viaxeiros durante todo o ano. En concreto, a tempada baixa medrou un 8,2% despois de que os maiores incrementos de turistas se deran nos meses de outono-inverno. Este feito propiciou que a tempada media-baixa supoña o 63,4% da demanda fronte ao 36,6% da tempada alta. Isto é, como sinalou o conselleiro de Cultura e Turismo, que seis de cada dez turistas que visitan Galicia o fan fóra dos meses centrais do verán. “A nosa estratexia de desestacionalización funciona”, declarou.

No referido ao emprego, Román Rodríguez destacou que o número de ocupados no sector turístico aumentara un 5,2%, cunha suba da taxa de asalariados de 2,8 puntos. Así mesmo, déronse de alta 404 novas empresas ou servizos: 152 vinculados aos establecementos de aloxamento, 98 restaurantes e cafeterías, 52 axencias de viaxe e 102 guías turísticos.

Análise territorial

Román Rodríguez detallou tamén os datos por territorios, cun 41% da demanda na provincia de Pontevedra, seguida dun 40% na Coruña, un 12% en Lugo e un 7% en Ourense, o territorio que rexistrou unha progresión máis salientable no volume total de viaxeiros. Entre os sete destinos urbanos, Santiago de Compostela (1,3 millóns de pernoitas), A Coruña (955.000) e Vigo (822.000) amosan os niveis máis elevados, seguidos de Lugo, Pontevedra e Ourense en cifras moi similares, nos tres casos por riba dos 200.000, e Ferrol (113.000).

Por xeodestinos, Román Rodríguez fixo fincapé na progresión de zonas con gran potencial de desenvolvemento, como Celanova-Limia (+18,7%), Mariña Lucense (+4,4%), Ferrolterra (+1,4%) ou Ría de Muros e Noia (+1,4%), xunto a outras como Ría e Terras de Pontevedra (+2,2%), Ría de Vigo e Baixo Miño (+1%) ou A Coruña-As Mariñas (+0,5%).

Entre os principais mercados de procedencia dos viaxeiros, o conselleiro resaltou, no plano internacional, as achegas de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Italia, Francia, Reino Unido, Irlanda e Países Baixos. Mentres, no ámbito nacional sobresaen Madrid, Castela e León, Andalucía, Asturias, Cataluña, País Vasco e Comunidade Valenciana.

Recompensa á calidade

O 69% da demanda turística correspondeu cos establecementos hoteleiros, cun mellor comportamento entre aqueles de maior categoría. Así, mentres os hoteis de catro e cinco estrelas rexistraron un 3,2% máis de viaxeiros, as pensións de 1 estrela retrocederon un 19%. Neste sentido, Román Rodríguez puxo o acento no feito de que a aposta pola calidade ten recompensa. Por iso, lembrou, a Xunta vén de poñer en marcha o Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, coa implicación de cinco departamentos autonómicos, para modernizar esta oferta e impulsar a súa dixitalización, accesibilidade ou sustentabilidade. O Goberno galego xa abriu as dúas primeiras liñas de subvención, dotadas con 4 millóns de euros, que prevén beneficiar ao longo deste ano a máis de 500 establecementos.

“Queremos axudar ao sector a incrementar a categoría dos seus establecementos, con máis e mellores servizos, con instalacións máis adaptadas e máis sustentables desde o punto de vista ambiental, porque sabemos que isto repercutirá nos seus negocios”, sinalou.

Impulso ao turismo rural

No eido concreto do turismo rural, acadouse un máximo histórico de turistas cun aumento do 68% no último lustro. Non obstante, o conselleiro avanzou o seu interese por impulsar máis este segmento, para o que a Xunta traballa nunha nova estratexia enfocada a este eido.

Por último, Román Rodríguez comentou as cifras do Camiño de Santiago, no que se selaron un 8,6% máis de Compostelas. A suba sostida de peregrinos é común á maioría das rutas xacobeas, en especial a algunhas como o Camiño Portugués da Costa, cun 89% máis.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.