Vigo cóase no top das 200 universidades máis populares do mundo en YouTube

D. Besadío.  DUVI 

A Universidade de Vigo colouse en 2018 no top das 200 universidades máis populares do mundo en YouTube, a principal plataforma para a difusión de vídeos virais. Con  algo máis de 16.000 subscritores na súa canle e 5,5 millóns de visualizacións, a institución académica viguesa ocupa o posto 133 do 2018 Youtube University Ranking, elaborado pola plataforma internacional UniRank, na que se agrupan máis de 13.000 universidades de todo o mundo, en base ao número de subscritores e ao número de vídeos vistos na canle de cada unha das universidades.

“Estar entre as 200 universidades con máis impacto en YouTube  a nivel mundial está xenial, ningunha outra galega aparece e poucas españolas”, explica Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da Universidade de Vigo, quen suma este logro ao feito de que varias producións de UVigoTV fosen emitidas recentemente pola segunda canle de Televisión Española no programa La aventura del saber. Desde o seu punto de vista, todo isto pódese considerar consecuencia lóxica da calidade do coñecemento dispoñible nas diferentes escolas e facultades e da súa transmisión en vídeo por Internet grazas ao papel xogado por UVigoTV. “É unha mostra do activa que é a nosa Universidade en materia de divulgación do coñecemento máis aló dos nosos campus e tamén o resultado dun esforzo evidente pola transferencia do saber ao mundo da empresa e a sociedade en xeral”, recalca Goyanes.

A maior partes dos seguidores/as teñen entre 18 e 24 anos 

A aventura da Universidade de Vigo en YouTube iniciouse o 6 de agosto de 2007 e desde entón publicáronse máis de 3700 vídeos que acadaron xa preto de 5,5 millóns de visualizacións. “Estes vídeos son unha selección de todas as gravacións dispoñibles en UVigoTV, que a estas alturas son xa máis de 18.000”, recalca Goyanes, quen salienta que o tempo de visualizacion é de 33,5 millóns de minutos, “o que equivale a máis de 63 anos”

No intre no que se elaborou o informe de UniRank, o pasado mes de outubro, a canle da Universidade de Vigo en YouTube contaba con 15.286 subscritores, cifra que se elevou na actualidade a case 16.000. Por grupos de idade a maior porcentaxe de espectadores sitúase entre os 18 e os 24 anos (43,3%), seguido daqueles que teñen entre 25 e 34 anos (20,3%); entre 35 e 44 (14,8%); entre 45 e 54 (10,6%), e entre 55 e 64 (5,7%). Con menos do 3% do total de espectadores sitúase o grupo de máis de 65 anos (2,9%) e aqueles que se sitúan na franxa de idade entre 13 e 17 anos.

Con respecto á procedencia xeográfica dos seguidores e seguidoras, practicamente a metade (47,1%) son españois e as demais visualizacións proceden na súa inmensa maioría da América latina, sobre todo de México (11,7%), Colombia (6,3%), Perú (6,3%), Arxentina (5,5) e Chile (3,4).

O máis popular: un vídeo sobre programación neurolingüística

Os formatos máis comúns son as conferencias e os congresos, así como os propios vídeos promocionais da institución.  O máis popular, con máis de 300.500 visualizacións, é unha gravación de 54 minutos sobre programación neurolingüística. “Seguindo o criterio de visualización que emprega YouTube, que non coincide co número de visualizacións, este vídeo supón o 10,4% do tempo total de visualización da canle”, explica Goyanes.

Entre os máis populares está tamén o vídeo Marca personal ¿Y tu quien eres?, un dos talleres Incuvi-Emprende 2013, con 123.424 visualizacións e un 6,9% do tempo total de visualización da canle; un taller práctico sobre traballos en altura (204.000 visualizacións): un obradoiro sobre dinámicas de grupo (121.000 visualizacións); os monólogos científicos The Big Van Theory (97.000) ; a conferencia Viaje al optimismo de Eduard Punset (83.000); ou o concerto de Nadal de Treixadura (61.000)…

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

14 − siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.