A Xunta adxudica, cun importe de 273.404 euros, a obra de consolidación estrutural do cubo VII da Muralla de Lugo, ben de Patrimonio Mundial

O portal de Contratos de Galicia vén de publicar a resolución da Consellería de Cultura e Turismo pola que se adxudica, cun importe de 273.404 euros, a obra de consolidación estrutural do cubo VII da Muralla de Lugo, ben de Patrimonio Mundial.

O delegado territorial da Xunta e Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o prazo de execución destes traballos será de 6 meses –logo da formalización do contrato- e correrán a cargo da empresa adxudicataria, Resconsa, especialista no monumento xa que tamén é a encargada do contrato ordinario de mantemento.

Os traballos contribuirán á restauración e conservación deste cubo da Muralla, situado preto da Porta do Bispo Odoario, e tamén do lenzo contiguo. Consistirán na escavación interior a nivel do adarve para resolver as filtracións de humidades e as gretas verticais. Inclúe a exhumación da escaleira, que será protexida cunha lámina xeotextial antes de executar un novo recheo

As novas actuacións previstas servirán tamén a modo prospectivo para arroxar luz sobre un espazo interior abovedado que os investigadores presumen que é orixinal do monumento, e que foi utilizado a mediados do pasado século para acoller un centro de transformación.

A actuación alcanza tamén a unha franxa de dous metros no xardín exterior, na que se afondará ata a cota orixinal romana. O obxectivo é obter datos sobre a utilidade da zona abovedada e a súa relación coa escaleira e coa configuración da cidade -se puido ser unha porta, un corpo de garda…-.

O delegado territorial explicou tamén que durante a execución destas obras realizarase un levantamento topográfico en 3D das estruturas romanas que se atopen que despois poderá ser consultado pola veciñanza, expertos e investigadores.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce + dieciseis =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.