A Xunta adxudica por 161.600 euros o contrato de restauración e conservación preventiva das pallozas do Cebreiro

A Consellería de Cultura e Turismo vén de adxudicar por máis de 161.000 euros o contrato de reparación, restauración e conservación preventiva do conxunto etnográfico das pallozas do Cebreiro, no concello de Pedrafita.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a empresa adxudicataria dos traballos (Resconsa) disporá dun prazo de catro meses para executar as actuacións programadas.

O contrato prevé actuar nas catro pallozas que forman o conxunto (Museo, Quicio, Campelo e Galán) a través da substitución do colmo de palla das súas cubertas, de xeito completo e tres delas e con carácter parcial na do Quicio, onde se aproveitarán os mollos que se atopen en boas condicións.

Igualmente, procederase a substituír ou reparar lousas nos accesos, melloraranse as instalacións de electricidade e iluminación, e aplicaranse tratamentos para evitar os ataques de insectos xilófagos ás estruturas de madeira.

Ao tratarse da restauración de bens protexidos polo seu valor cultural, os traballos terán que executarse por especialistas, que coñezan a singularidade destas estruturas e, en particular, especialistas na aplicación destas técnicas tradicionais ou restauradores con experiencia.

As catro pallozas do Cebreiro que forman o conxunto etnográfico están baixo a xestión da Xunta de Galicia.  Este espazo conta cunha superficie aproximada de 300 metros cadrados, no que se recrea a vida na montaña lucense. As pallozas do Cebreiro están localizadas no núcleo histórico por onde entra en Galicia o Camiño Francés a Santiago de Compostela, declarado Ben de Interese Cultural.

O conxunto sitúase no contorno do santuario mariano e xacobeo de Sta. María do Cebreiro, que se remonta ao século X. Fórmano catro pallozas, tres delas musealizadas e outra empregada como almacén (a de Campelo). Son construcións de planta ovalada, muros baixos e teitos de palla, nas que durante séculos convivían persoas e animais.

As pallozas son vivendas adaptadas á montaña, con poucos vans e un alto teito de palla moi tupido, que soporta o peso da neve e resiste os ventos, configuración idónea para a súa adaptación ao hábitat. Tanto a arquitectura como os obxectos situados nos seus interiores reflicten o ambiente tradicional da montaña lucense, coa exposición de mobles, útiles para o traballo téxtil, para os traballos agrícola e gandeiro e os relacionados coa vida cotiá.

Cabe lembrar que o Goberno galego tamén propiciou recentemente o acondicionamento da contorna grazas a unha achega de 30.000 euros de Turismo de Galicia ao concello para  a mellora do pavimento de pedra das rúas interiores do pobo e a posta en valor da fonte pública da localidade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

seis + 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.