A Xunta colabora coa federación veciñal de Lugo nunha plantación de árbores no Incio para celebrar o Día dos Bosques

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, participou na xornada, na que se plantaron 25 exemplares procedentes do viveiro de Sambreixo. Está prevista tamén a distribución de arredor 350 árbores entre as asociacións de veciños da provincia

A Consellería de Medio Rural colaborou hoxe coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo nunha plantación de árbores organizada polo colectivo en Vila de Mouros, no concello do Incio, dentro dos actos de celebración do Día Internacional dos Bosques o 21 de marzo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participou na xornada, na que foron plantados 25 exemplares procedentes do viveiro de Sambreixo, que xestiona Medio Rural en Guitiriz. En total, plantáronse 10 castiñeiros, 5 faias, 5 cerdeiras e 5 carballos.

A consellería entregará nos vindeiros días arredor de 350 árbores máis á Federación para que os reparta entre as asociacións de veciños, coa finalidade de que sexan plantados en diferentes puntos da provincia. En concreto, está previsto entregar 270 castiñeiros, 25 cerdeiras, 15 freixos e 25 pradairos.

Balseiro aproveitou a xornada para poñer de relevo a importancia de velar pola boa saúde dos montes galegos, xa que, segundo apuntou, unha superficie forestal “coidada e ordenada é unha fonte de riqueza económica, ambiental e social; arde menos e axuda a fixar poboación no medio rural”.

O delegado territorial destacou a vocación forestal que ten a Comunidade, cun 69% do seu territorio arborado; e particularmente Lugo, provincia galega con maior extensión forestal. Nese sentido, subliñou a necesidade de seguir a traballar para poñer en valor o monte, “dado que o sector forestal lucense é unha potencia económica de presente e de futuro e un dos dinamizadores da nosa provincia”.

Ao mesmo tempo, o delegado sinalou a importancia de “coidar o medio ambiente e a paisaxe” como elementos “fundamentais para mellorar a calidade de vida de toda a poboación”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecinueve + 11 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.