A Xunta solicitou formalmente o pasado mes de decembro, e reiterou en febreiro, a creación do cuarto xulgado do Social en Lugo froito do acordo co TSXG

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desminte así a información facilitada polo Ministerio de Xustiza nunha resposta parlamentaria a En Marea

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza remitiu formalmente ao Ministerio de Xustiza, ata en dúas ocasións, a solicitude de creación do que sería o cuarto xulgado do Social en Lugo.

A primeira das peticións enviouse o 12 de decembro de 2018, unha vez celebrada a Comisión Mixta entre o TSXG e a Xunta na que –froito do acordo unánime e por consenso neste órgano- realizaba a proposta de creación das novas unidades xudiciais para o ano 2019, entre elas a de Lugo.

O segundo dos escritos datado o 25 de febreiro, remítese despois de coñecer a proposta do Ministerio de Xustiza na que non atendía a petición de creación do cuarto xulgado do Social en Lugo. A Xunta chamaba a reconsiderar esta decisión e pedía que o Goberno central respectara as propostas acordadas por consenso no seo da Comisión Mixta.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desminte así a información facilitada polo Goberno central nunha resposta parlamentaria ao grupo político En Marea na que negaba estas peticións.

Lugo foi castigada e, por se fora pouco, agora ignorada

Á luz da falta de atención desta demanda e ante a negativa do Ministerio a reconsiderar a súa postura contraria á creación da nova unidade xudicial e, incluso, a dar por recibida esta petición, Balseiro asegura que “Lugo foi castigada, pero agora pode dicirse que ademais foi ignorada”.

O delegado tamén explica que esta demanda “non é un capricho” senón unha reclamación “xusta e proporcionada”  que de considerarse servirá para axilizar os procesos pendentes de xuízo na orde do Social na nosa cidade e na nosa provincia e ofrecer unha xustiza moito máis áxil e de calidade.

“O Ministerio de Xustiza ten esta petición sobre a mesa, por si fora pouco, por partida dobre, avalada ademais con datos obxectivos e comprobables”: Na xurisdición Social en Lugo o módulo de entrada superou nun 148% a carga de traballo aconsellable, cunha media de 1.181 novos asuntos que ingresan anualmente nestes xulgados, incluídos os de execución de sentenzas.

O escrito aclara tamén que esta situación non se trata dun problema conxuntural que poida resolverse con medidas puntuais de reforzo.

A xurisdición do Social atende asuntos relacionadas co dereito laboral e sobre a Seguridade Social, conflitos de traballo e asuntos relativos aos dereitos das traballadoras e traballadores.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

19 − 6 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.