Ciudadanos propón rebaixar en dous anos a exención do IBI á Xunta para axustar a aportación do Concello de Lugo “ao custo real do equipamento do auditorio”

Olga Louzao afirma que “Lara Méndez é unha pésima negociadora” e que os 9 concelleiros do PP de Lugo “venderon á cidade”

O grupo municipal de Ciudadanos levará ao Pleno da vindeira semana unha proposta para rebaixar en dous anos a exención do IBI á Xunta de Galicia para axustar a aportación que fai o Concello de Lugo ao custo real de equipar o novo auditorio.

“O convenio polo que este Goberno municipal lle perdou á Xunta 3,6 millóns de euros para que con eses cartos, que son de todos os lucenses, o señor Feijóo e o señor Balseiro equipasen o novo auditorio é un dos maiores despropósitos da nefasta xestión de Lara Méndez como alcaldesa neste mandato”, afirmou a portavoz de Ciudadanos en Lugo, Olga Louzao.

Tal como xa advertiu o Grupo Municipal de Ciudadanos no momento da aprobación en Pleno por parte do PP e do PSOE da exención do IBI para costear o equipamento do auditorio, a Xunta de Galicia fai un “negocio redondo”, dado que o equipamento é pagado na súa totalidade polo Concello de Lugo e aínda por enriba a Administración autonómica “embólsase” a maiores 1.205.889,51 euros tendo en conta a cantidade máxima fixada no convenio asinado (3.755.050,16 euros).

“Lara Méndez é unha pésima negociadora cando de defender os intereses da cidade se trata. Asinou un convenio coa Xunta que fai pagar aos lucenses a totalidade do custo de equipar o auditorio e aínda por riba regálalle á Administración autonómica 1,2 millóns de euros a maiores”, criticou Olga Louzao.

Poñer fin á exención en 2021 en vez de en 2023

En virtude do convenio asinado con data 3 de outubro de 2017 entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concello de Lugo comprometeuse a eximir á Xunta de Galicia do pago do Impostos de Bens Inmobles en cinco centros da súa titularidade  (HULA, residencias de maiores das Gándaras e da Milagrosa e centros de saúde de San Roque e Illas Canarias) durante catro anos por un importe de 3.755.050,16 euros.

Para dar cumprimento ao convenio aprobado, o Goberno local presentou ao Pleno na sesión ordinaria do 26-10-2017 (aprobación definitiva no Pleno ordinario do 28-12-2017) unha modificación da Ordenanza Fiscal número 203 para eximir á Xunta de Galicia de ter que pagar o IBI destes inmobles durante os anos 2018, 2019, 2020, 2021, 2022 e 2023.

Sen embargo, a xuízo de Ciudadanos a aportación do Concello de Lugo debería limitarse unicamente ao custo do equipamento. O prezo final de adxudicación ascendeu a 2.549.160,65 euros, cando a exención fiscal a favor da Xunta, tal como está redactado o artigo 4.2 da Ordenanza Fiscal número 203 equivale a unha cantidade moi superior, en concreto, 605.195,27 euros anuais, é dicir 3.631.172 euros nos seis anos de vixencia da exención (de 2018 a 2023 incluídos).

Coa reducción de dous anos na vixencia da exención fixada na actualidade, como pedirá no Pleno Ciudadanos a vindeira semana, pasando de estar vixente até 2023 a 2021, lograríase reducir a aportación municipal en 1,2 millóns de euros, equivalente á diferenza existente entre a fixada no convenio e o prezo real de adxudicación do equipamento.

O convenio asinado non contou co visto bo dos técnicos do Concello

O Goberno local aprobou en marzo do ano pasado nunha Xunta de Goberno local extraordinaria e urxente o convenio coa Xunta sen os informes favorables dos distintos servizos municipais, que lle puxeron obxeccións que non foron atendidas.

“Lara Méndez aprobou este convenio pola súa conta e risco sen o visto bo dos técnicos do Concello, tanto do xefe de Contratación, como do da Asesoría Xurídica e do Interventor municipal. O resultado é o que hoxe temos enriba da mesa”, resumiu Olga Louzao, que engadiu que “chega con botar un vistazo ao expediente para darse conta da tramitación chapuceira dun acordo lesivo para os intereses da cidade e cun custo moi elevado”.

“É coma o muro de Trump”

“A cidade sempre perde cando está nas mans do PP e do PSOE. Os 8 concelleiros do PSOE e os 9 do PP venderon aos lucenses e deron o visto bo a esta afrenta lesiva para os intereses da cidade”, describiu a portavoz de Ciudadanos.

“Os concelleiros do PSOE e do PP, que foron os únicos que votaron no Pleno a favor da exención do IBI á Xunta fixeron co equipamento do Auditorio o mesmo que Trump co seu famoso muro. O equipamento vai vir inauguralo o señor Feijóo pero vano pagar os lucenses”, comparou Olga Louzao.

Por iso, Ciudadanos levará ao Pleno deste mes unha proposta para rebaixar, recurtando dous anos a exención prevista do IBI, a aportación que o Concello vai facer en favor da Xunta a cambio de que a Administración autonómica equipe o novo auditorio.

“Os 25 membros desta Corporación municipal, independentemente ao partido polo que nos presentamos ás eleccións de hai 4 anos, debémonos aos intereses da cidade e dos lucenses. Queremos comprobar de parte de quen están os 9 concelleiros e concelleiras do PP de Lugo e a quen prestan obediencia, se ao señor Feijóo e ao señor Balseiro ou aos veciños e veciñas de Lugo”, reiterou a voceira de Ciudadanos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciseis − uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.