Dous e dous son cuatro. Por @DulceCorcu

Acaban de lembrarllo a unha mestra da Pontenova, Sabela Núñez, que tivo a ousadía de pretender que nenos e nenas galego falantes, deran entendido as matemáticas na língua nai, cando todos sabemos que as cousas importantes teñen que darse no imperial castelán ou, xa se eres un sibarita, en inglés. Pero nunca en galego, esa língua de pobres que na Xunta ven horrorizados coma aínda hai quen a fala, con todos os esforzos que fan para exterminala.

Por iso, veñen de amonestar á profesora para que non adoutrine alumnos coma en tempos do bipartito, onde tiñan esa teima de que o galego servía para todo. Se Pitágoras erguese a cabeza, sería incapaz de atopar a fórmula para desentrañar a estupidez gubernamental galega, que non ten cousa mellor que facer que adicarse á caza de bruxas por algo tan absurdo coma ensinar matemáticas en galego a unha rapazada cen por cen galega. A provincia de Lugo xa é dos poucos bastións onde a mocidade non renega do idioma do país, coñéceo e fálao, pero para a Xunta é un problema que aprendan nel. O fracaso escolar, a falta de mestres, o peche das escolas do rural, a falla de educadores especiais en moitos centros, as pésimas instalacións noutros, son cousas secundarias para a Consellería de Educación, que non obra tan dilixentemente para arranxalas coma ir petando nas portas desas radicais que poñen en perigo o castelán e, sobre todo o inglés. Non se pode consentir baixo ningún concepto, te lo juro por Gloria Lago.
Cada novo estudo dalle á língua galega un novo suspenso, baixo mínimos en idade infantil e residual máis adiante. Dilúese a medida que se vai entrando en etapas superiores, e nas cidades xa corre máis perigo de desaparición que o lince ibérico. Con razón hai xente indignada conque para ser mestre en Galicia débase saber un mínimo de galego. Onde imos parar con tanta esixencia dun idioma que non serve para nada máis que escoitarllo ós avós da aldea, algo pintoresco que é inxusto que lle fagan aprender a xente estudada e fina de Valladolid ou Soria, que teñen dereito a traballar aquí sen molestarse en dicir nunca “bos días”. Ou con dereito a protestar enérxicamente se alguén se dirixe a eles con ese mesmo “bos días”. ¡Es que estamos en España!.
Daría para rir coma algo anecdótico se non visemos á Xunta desperdiciar recursos nestas pamplinas, elevando a problema docente algo tan absolutamente natural. Chamando a atención coma censores a mestras que só tentan facer o seu traballo do xeito máis cómodo e eficaz cara o alumnado. Quizais o problema é que onde fan falla algunhas clases, é na propia Xunta de Galicia. Que para aprender nunca é tarde.
Foto portada. Imaxe da aula do IES Enrique Muruais da Pontenova. AXM

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.