O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fixo balance do seu Goberno ao fronte da cidade

O cualificou como “o mandato máis ambicioso da historia de Ourense, con máis de 306 millóns de euros acadados en inversións”. Na súa intervención, o rexedor salientou os logros acadados grazas ao diálogo e colaboración con outras administracións, e denunciou o bloqueo e a falla de diálogo por parte da oposición.

“Amosámonos como un equipo que foi quen de lograr importantes acordos con outras administracións para esta cidade, e seguiremos facéndoo”, explicou Vázquez Abad, quen salientou que  “máis do 80% do noso programa electoral está cumprido, e con moitos logros que non estaban aí contemplados.”

O rexedor destacou que as inversións acadadas para Ourense polo grupo de goberno permitiron “reactivar vellos e importantísimos proxectos”, como o Complexo Cultural de San Francisco, que contou cun orzamento de 40 millóns de euros; ou a Estación Intermodal (máis de 160 millóns) “que situará a Ourense no mapa mundial da arquitectura”.

Pero tamén reivindicou a posta posta en marcha de novas iniciativas, como o Centro Interxeracional; o albergue de peregrinos; actuacións en infraestruturas (como as entradas á cidade en Seixalbo ou a avenida Otero Pedraio); e proxectos como o Novo Hospital ou Campus Auga.

Así, en materia de infraestruturas deportivas o rexedor destacou inversións neste período por 7 millóns de euros,  entre elas referiuse á construción da nova pista cuberta en Expourense que calificou como “a mellor da península”.

Vázquez Abad tamén reivindicou actuacións realizadas para rexenerar a área urbana, por importe de 6,5 millóns de euros, en especial a través do impulso e posta en valor do Casco Histórico Sur.

Ademais salientou que o Concello foi capaz de captar máis de 5 millóns de euros en programas europeos para a promoción do emprego;  10,2 millóns en arranxos, melloras e ampliacións de instalacións educativas e escolares; 3,6 millóns en axudas para o fomento do Turismo e Termalismo; así como 14,2 millóns de euros en axudas dedicadas ás persoas que máis o precisan.

O rexedor salientou que todas estas actuacións foron posibles grazas ao diálogo e colaboración por parte de outras administracións, fronte á falla de diálogo por parte dos grupos da oposición.

Na súa intervención, o alcalde recordou que o grupo de goberno atopouse no ano 2015 cunha cidade sumida en problemas administrativos de diversa índole e que se marcaron como obxectivo “reverter unha situación nada doada e poñer orde no caos”, como: unha EDAR a piques de perder unha chea de millóns procedentes dos fondos europeos; unha residencia universitaria pechada; ou un novo Hospital “no que non tiñan contemplados os accesos”.

“Resucitar estas situacións non foi doado. E aínda por riba aguantando as dobres mensaxes dos que nos abocaron a esta situación”, abundou o rexedor.

“O peor deste mandato, a oposición”

Nesta liña, Vázquez Abad criticou que o peor deste mandato foi a oposición que lle tocou sufrir, porque “tiña na súa man a maioría do Pleno e puido usar os seus votos para construír e para aportar en positivo, pero que preferiu bloquear”e facer unha política irresponsable.

Así afeou que algúns prefiren “proclamar na oposición o contrario do que fan cando gobernan”, mentres que outros “prefiren funcionar a golpe de ocorrencia, desprezando e denigrando o exercicio da política convertendo o Pleno nun lamentable espectáculo”.

Fronte a esta situación Vázquez Abad reivindicou que “seguiremos traballando como o primeiro día, porque sabemos que este proxecto terá continuidade, e cunha maioría suficiente para poder desenvolver todos os proxectos que precisa Ourense en liberdade e sen trabas ou bloqueos irracionais”.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

18 − 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.