O fútbol non é para maiores. Por @DulceCorcu

Cada día hai máis opcións e posibilidades de que a rapazada poida elixir que deporte prefire practicar, cos Concellos involucrados en ofertar alternativas a prácticamente o único ao que se podía xogar nas periferias, nos lugares pequenos ou no rural: ó fútbol. Pese a todo iso, segue a ser o deporte rei, o que maioritariamente ten máis alumnos e que, co esforzo dos clubes, poñen en marcha escolas de Fútbol Base onde aprender a xogar, a ser compañeiro e a saber gañar e perder, cousas indisolubles da competición. Cada vez con idades máis curtas, arredor dos seis anos os cativos xa pisan céspede e con eles, pais e nais orgullosos, agardando ese regate ou ese gol que lles faga crer no sono de reeditar a Iago Aspas ou a Lucas. Moi lícito porque soñar non custa nada, pero o malo vén cando se trata de conseguilo a toda costa, e a costa de quen sexa, incapaces de distinguir a realidade duns delirios de grandeza impropios dunha competición infantil onde se xoga, a meirande parte das veces, contra viciños, compañeiros de colexio e incluso familiares que viven noutras vilas. 

O caso da pasada fin de semana, onde unha nena foi obxecto de comentarios machistas, groseiros e obscenos por parte dunha nai do equipo contrario, ou a pelexa na bancada de varios pais nun partido de Prebenxamíns, e mesmo o ataque visceral nas redes sociais a un xove árbitro e a un adestrador -que optou por dimitir após o linchamento virtual- tras un partido de Cadetes, da idea de en que se está a converter un deporte no que iniciáticamente téntase ensinar a nenos e nenas xusto o contrario do quen fan os seus pais e nais: respecto, deportividade, compañeirismo, disciplina e, sobre todo, a desfrutar do xogo. A afluencia de familiares ás instalacións deportivas debera ser algo positivo, un plus de seguridade e confianza para as crianzas, pero que en demasiadas ocasións acaba converténdose nun motivo de estrés para os xoves xogadores, incapaces de determinar a quen atender, se ás instrucións que recibe dende a bancada ou a dos seus adestradores, confundidos e ansiosos por agradar a todos, con temor a decepcionar a ese pai ou esa nai que tantas esperanzas deposita nel ou nela, que o espolea para que sexa pícaro e engane ao árbitro, ou simule un penalti, ou dé unha patada ao rival se con iso impide verse superado. Hai que gañar como sexa.
Os Comités oportunos xa anunciaron medidas, algo co que contrarrestar este furor paternomaternal que leva a partidos que deberán ser absolutamente irrelevantes, un medio máis de diversión, ás primeiras planas dos xornais galegos e españois. Antes de tanta atención, xa era algo co que lidiaban adestradores e diretivas dos clubes de fútbol, ás veces ameazados porque “o meu fillo ten que xogar máis”, “se o meu non é titular, marchamos”. Iso no mellor dos casos, porque no peor, insultos e incluso ameaza física. Como dicía Di Stéfano: ningún xogador é tan bo coma todos xuntos. Se non entendemos iso…é que o fútbol, realmente, non é para maiores.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.