Olga Louzao presenta o proxecto ‘Muralla Viva’ para reducir a Ronda a un carril de circulación e gañar espazo para os peóns

Olga Louzao propón a introdución dun bus eléctrico como intercambiador na Ronda, a ampliación das beirarrúas e a creación dun carril bici para que os ciclistas poidan circular con seguridade

Ciudadanos propón reducir a un só carril de circulación o tráfico na Ronda da Muralla e a Avenida da Coruña para gañar espazo para os peóns, poñer en valor o monumento Patrimonio da Humanidade e impulsar o comercio local.

A portavoz de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao presentou esta mañá, acompañada do arquitecto Juan Carlos Pérez Cordero, o proxecto Muralla Viva, que consiste na reducción paulatina do tráfico rodado a carón da Muralla romana. “As tractoradas que se produciron na cidade de Lugo nos meses de decembro de 2015 e xaneiro de 2016 demostraron que a cidade de Lugo pode vivir perfectamente cun só carril na Ronda”, argumentou.

“Trátase dun proxecto de futuro para Lugo que queremos que sexa presente xa a partir do mes de maio, que dá continuidade ao traballo feito polos distintos alcaldes que gobernaron a cidade de Lugo nas últimas décadas e bebe directamente do Plan de Mobilidade elaborado pola Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona para a cidade de Lugo no ano 2009”, explicou Olga Louzao.

Ciudadanos é partidario de actuar “con valentía” sobre a Ronda da Muralla co obxectivo de que deixe de ser “a rontonda máis grande de Europa, de dous quilómetros de lonxitude” e se convirta “nun verdadeiro espazo para os peóns, as bicicletas e o transporte público, como se merece o entorno dun monumento Patrimonio da Humanidade”.

Continuidade ao traballo feito polos distintos alcaldes  

Para a portavoz de Ciudadanos, “o proxecto Muralla Viva non debe ser nin queremos que sexa un proxecto unicamente de Ciudadanos, queremos que sexa un proxecto de toda a cidade e de todos os lucenses, do mesmo xeito que é un agradecemento a todos os alcaldes que pasaron polo Concello de Lugo nas últimas décadas e foron dando pasos para poñer en valor a nosa Muralla”, dixo.

Olga Louzao explicou de onde ven o nome de Muralla Viva. “Nos anos 70 púxose en marcha o proxecto Muralla Limpa, que consistiu en retirar as casas que había pegadas á Muralla. Comezouse no ano 1972 e retiráronse 85 edificacións. Muralla Viva é dar un paso máis e consiste en ir retirando paulatinamente os coches que circulan tamén pegados á Muralla”, comparou.

“Na década dos 90 comezouse a peonalización do casco histórico, que a día de hoxe se atopa aínda sen rematar e desde o ano 2000, cando a Muralla foi declarada Patrimonio da Humanidade, non se levou a cabo ningunha actuación de calado para seguir poñendo en valor o monumento máis importante e valioso da nosa cidade”, asegurou.

“Neste mandato o único que se fixo foi cambiar as pegatinas de 50 a 30 pero como se pode comprobar, foi unha actuación illada e de escasa utilidade. Pensamos que hai que ir máis alá, ser máis ambiciosos e actuar con máis valentía. O resumo sería conseguir que a Ronda da Muralla deixe de ser unha gran rotonda para converterse nun gran paseo“, argumentou Olga Louzao.

Peonalizar o tramo da Mosquera e reducir a un carril o resto da Ronda

En primeiro lugar, afirmou a portavoz de Ciudadanos, hai que crear itinerarios que permitan aos condutores non ter que pasar obrigatoriamente pola Ronda. Neste sentido, defende que a rúa Montero Ríos debe servir de “aliviadeiro” de tráfico da Ronda, dando saída cara a Ponte da Estación e o Plan Paradai aos vehículos que se dirixen desde San Roque cara a zona norte da cidade.

A continuación, Ciudadanos propón reducir os dous carrís actuais de circulación a un só carril. “Xa existe unha experiencia piloto neste sentido, porque de facto foi o que aconteceu durante varias semanas na folga gandeira de finais de 2015 cando os tractores estiveron aparcados na Ronda da Muralla ocupando un dos carrís”, argumenta Olga Louzao.

Segundo a proposta de CS, os coches seguirían circulando polo carril da dereita, dado que é necesario deixar entrada a garaxes ou para servizos como os contedores de lixo mediante os actuais camións de carga lateral, que deben ter os contedores na marxe dereita, e manteríanse as actuais prazas de estacionamento, paradas de bus e e carga e descarga.

Comezar polo tramo entre Montero Ríos e a Avenida da Coruña

Ciudadanos considera “inaprazable” peonalizar o tramo da Mosquera e propón comezar a conversión do resto da Ronda da Muralla a un só carril de circulación no tramo comprendido entre a rúa Montero Ríos e a Avenida da Coruña e darlle continuidade a esta reforma transformando en unidireccional tamén a Avenida da Coruña en sentido saída da cidade, tal como propón o Plan de Mobilidade encargado polo Concello de Lugo á Axencia de Mobilidade Urbana de Barcelona no ano 2009. “A remodelación urbana que propoñemos tería continuidade coa mesma reforma na Avenida da Coruña entre San Fernando e a Rúa Mallorca, deixándoa tamén cun só carril e ancheando as beirarrúas. Trátase dunha das zonas máis comerciais da cidade”, afirma Olga Louzao.

“Este modelo urbano supón unha verdadeira transformación que queremos ir trasladando e ampliando tamén ao resto da cidade en forma de espiral. Un compromiso de Ciudadanos é a igualdade entre todos os cidadáns. Tamén no ámbito urbano para que todos os barrios conten coa mesma calidade urbana”, asegurou Olga Louzao.

 

“Por iso propoñemos dar continuidade á semipeatonalización da Ronda a través do primeiro tramo da Avenida da Coruña até a altura da da Praza da Milagrosa, é dicir, entre San Fernando e a Rúa Mallorca”, explicou.

Beneficios para o comercio local

O espazo que se reduciría aos coches con esta actuación urbana gañaríano as persoas ancheando as beirarrúas e creando un carril bici para que as bicicletas gañen peso en Lugo e os ciclistas poidan circular de maneira segura ao redor da Muralla e pola Avenida da Coruña.

“Esta actuación responde a unha planificación para mellorar a calidade da paisaxe urbana favorecendo a vida comunitaria e conseguindo que os espazos colectivos recuperen identidade. Pretendemos combater ao mesmo tempo a perda que se está padecendo do pequeno comercio e de proximidade, pois está confirmado segundo diversos estudos realizados que as peonalizacións aumentan as vendas dos locais comerciais situados nesas rúas entre un 20% e un 30%. De feito, só deste xeito as zonas e rúas peonís, formadas pola suma do pequeno comercio, acaban competindo cos centros comerciais periféricos”, explicou Juan Carlos Pérez Cordero.

“Aumentando o espazo de beirarrúas co seu ensanche achéganse os medios para garantir un confortable uso de tránsito peonil e que se fomente tamén o desenvolvemento de actividades colectivas como pasear, estar, relacionarse, xogar, falar ou mesmo mercar que actualmente non se poden realizar en beirarrúas moi estreitas”, dixo.

Un espazo para os peóns a carón da Muralla 

A proposta de Ciudadanos de eliminar un carril da Ronda permitiría anchear as dúas beirarrúas e, en maior medida, a beirarrúa actual pegada á Muralla, que pasaría a ter uns 4 metros de ancho, con árbores, bancos e mobiliario urbano. “Convertiríase deste xeito nun verdadeiro paseo para os peóns pegado á Muralla e permitiría alonxar os coches do monumento”, indica Olga Louzao.

“O proxecto Muralla Viva consiste en reducir a un só carril de circulación o tráfico rodado na Ronda da Muralla para deste xeito gañar espazo para os peóns e crear un verdadeiro paseo con arbolado e mobiliario urbano arredor do monumento. Propoñemos comezar polo tramo da Ronda comprendido entre Montero Ríos e San Fernando para ir despois  ampliando esta actuación a toda a Ronda, completando deste xeito un verdadeiro anel de convivencia arredor da Muralla“, defendeu a portavoz de Ciudadanos.

Crear un carril bici para que os ciclistas poidan ir contradirección

Deste xeito, liberando un carril de circulación, sería posible ampliar as beirarrúas tanto na Ronda da Muralla como na Avenida da Coruña, actualmente moi estreitas, para gañar espazo para os peóns e habilitar un carril bici específico para ciclistas, para que as bicicletas poidan ir tamén en sentido contrario ao da circulación “con seguridade e sen necesidade de ter que ir polas beirarrúas”.

Reducir de dous a un os carrís de circulación serviría tamén para reducir a anchura da vía e, de facto, reducir tamén a velocidade de circulación dos vehículos e o cumplimento efectivo do límite de velocidade a 30 quilómetros/hora, facendo compatible deste xeito a circulación de coches e bicicletas.

A solución proposta por Ciudadanos cun carril bici contradirección permitiría chegar en bicicleta desde a praza da Milagrosa ao centro de xeito seguro e tamén circular pola Ronda desde San Fernando a Ramón Ferreiro a través do novo tramo da Mosquera e do actual tramo peonil da Ronda.

Bus eléctrico arredor da Ronda como intercambiador

Ciudadanos propón tamén cambiar o sistema de transporte público de maneira que as liñas de bus non pasen na súa grande maioría pola Ronda da Muralla, como acontece na actualidade. A proposta de Ciudadanos sería establecer arredor da Ronda un bus eléctrico que faría as funcións de intercambiador para o resto de liñas, que desta maneira non se verían obrigadas a circular pola Ronda e reducirían a distancia que percorren, gañando deste xeito en puntualidade.

Olga Louzao lembra que o Plan de Mobilidade encargado polo Concello de Lugo no ano 2009 a Axencia de Mobilidade Urbana de Barcelona xa apostaba por esta solución e afirma que “a remodelación do bus urbano que ten que poñerse en marcha segundo se recolle no contrato da actual concesión é a oportunidade para adoptar este novo modelo”.

“Reducir vehículo privado supón tamén aumentar na mesma medida o transporte público. Hoxe a maioría das liñas de bus urbano actuais pasan pola Ronda da Muralla, un deseño caduco que contribúe a aumentar o tráfico na Ronda. O propio Plan de Mobilidade xa propoñía reducir o largo das liñas para que o transporte público gañe en puntualidade e fiabilidade. Na nosa proposta estableceríase un microbus eléctrico dando voltas continuamente arredor da Muralla que serviría de intercambiador para o resto de liñas que desta maneira non terían que pasar pola Ronda”, explicou Olga Louzao.

Acupuntura Urbana

O arquitecto artífice do proxecto definiu como “acupuntura urbana” a actuación. “Este tipo de actuacións é o que se coñece co concepto de Acupuntura Urbana, é dicir, pequenas actuacións en puntos concretos que acaban provocando un efecto global positivo en toda a cidade”, detallou Juan Carlos Pérez Cordero.

Trátase de pequenas actuacións interconectadas e de custo asumible. “Búscase para Lugo un novo modelo urbano que evite o malgaste de recursos. É fundamental o cambio de mentalidade da Administración e por tanto fuximos dos grandes orzamentos  despilfarradores e substituímolos por pequenas intervencións, de menor custo, pero cunha maior repercusión social”, defendeu.

As actuacións propostas na Ronda da Muralla terían un custo inicial duns 350.000 euros e actuaríase nun tramo de 650 metros con ampliación de beirarrúas, dotación de mobiliario urbano e sinalización e pintado dun carril bici. O tramo da Avenida da Coruña serían 700 metros e o custo previsto sería duns 490.000 euros.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.