Tirando da Lingua. Hai mulleres.. Por @DulceCorcu

“Andamos cambiándonos nosotras
para cambiar el mundo. (Guisela López).
Achégase o 8M, a data das mulleres, de todas por máis que ás veces sexan descoñecedoras sequera do que supón para nós. Inevitablemente, os medios preguntan as súas entrevistadas polo feminismo, pola súa condición -se a tivesen- de feminista, de se o consideran necesario, ou prescindible. Pero o que nunca preguntan é que cren que é o feminismo. Porque hai mulleres que aínda entenden que é algo a evitar, algo que non vai con elas, que non afecta as súas vidas. Algo que as fará ser menos guapas e atractivas. 

Nunha recente entrevista con María Galiana, actriz, cóntanos que está en contra do Día da Muller e de calquera outro “día de”, porque entende iso non coma unha discriminación positiva, senón negativa. Coma se fose un bicho raro sen encaixe na sociedade. Quizais non parase a pensar cantas das leises que se aprobaron a favor dos dereitos das mulleres e que ela celebra nesa entrevista, terían sido aprobadas sen ese día concreto no que saír a rúa xuntas provocando cada vez máis balbordo mediático coas nosas reivindicacións. Moitísimas menos, iso non o dubida ninguén. Carmen Cervera, mecenas cultural española, preguntada por se se considera feminista, resposta que o que conta é ser feminina, guapa e bonita, que son realmente as condicións que deberíamos posuír todas as mulleres. Nun contexto similar vén de expresarme unha xefa de prensa do Partido Popular e tamén xornalista, Isabel Rábago, que presume explícitamente nas súas redes sociais de ser feminina pero nunca feminista, coma se fosen cousas absolutamente excluíntes, dando por suposto que as feministas van por aí cheirando e despeiteadas, que non coñecen o xabón nen as bondades da maquillaxe e da depilación. Vanagloriarse de ser tan ignorante impídelle coñecer que sen feminismo e sen feministas, ela aínda seguiría vestida ata os pés, sen liberdade para ter unha conta en redes sociais -ou noutro sitio calquera- ao seu nome e na que poidese opinar sen que fose ditado polos varóns da familia e, posteriormente, polo marido. Porque o que descoñecen estas damas é que o feminismo non é algo contraproducente para ningunha muller, senón que é o promotor de que todas poidamos avanzar, mellorar e superarnos sen as trabas habituais dun patriarcado enraizado ata o tuétano na sociedade española. Buscar a igualdade en tódolos ámbitos das nosas vidas non nos vai facer menos guapas, nin asustará a pobres homes que non van ter a quen achegarse, coma dicía tamén recentemente outra actriz, Carmen Maura, preocupada porque por culpa das feministas non ía ter con quen ligar.
Nun recente informe de Facenda respecto á brecha salarial entre homes e mulleres, na parte que toca a Galicia dedúcese que elas cobran un 27% menos ca eles polo mesmo traballo, e calcúlase que nestes termos, se nada cambia, farán falla 615 anos para equiparalo, sendo a galega a Comunidade máis discriminatoria de todo o Estado español. 615 anos!. Pero bueno…o caso é estar guapas e que ninguén che tome por feminista.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.