Un acto simbólico do alumnado da escola de Artes no carballo de Vilar de Francos, inicia as actividades do Día da Árbore en Carballo

O programa tamén inclúe unha plantación en Oza e a entrega de diplomas aos nenos e nenas que apadriñaron e amadriñaron landras o ano pasado no Horto Municipal

A Concellaría de Medio Ambiente celebra o Día da Árbore cunha serie de actividades que, por unha banda, queren implicar aos máis pequenos para fomentar neles o respecto á natureza e a importancia de coidala e protexela, e, por outra, avanzar na repoboación con especies autóctonas dos espazos públicos, nos que temos plantado xa centos de árbores.

A primeira cita será mañá xoves ás 11.30. Coincidindo co Día da Árbore se realizará un acto simbólico, coa colaboración da escola de Artes, o CRA Ponte da Pedra e o Pazo de Vilar de Francos, xunto ao carballo centenario, gravemente danado despois de tronzar o 3 de agosto do ano pasado. Os nenos e nenas estiveron a traballar nos últimos días para preparar a súa particular homenaxe á árbore senlleira. Como premio a ese esforzo, ao remate do acto poderán gozar dunha merenda no Pazo.

Tamén mañá se realizará unha plantación de árbores no campo da festa de Oza, dando así resposta a unha petición do consello parroquial.

Para o sábado hai programada unha nova cita coa infancia, neste caso nas instalacións do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, situadas na rúa Nardos, ás 11.00 horas. Os nenos e nenas que participaron o ano pasado na xornada de apadriñamento e amadriñamento das landras recollidas no propio recinto poderán ver como evolucionan os pequenos carballos. As plantas foron inventariadas e quedaron ao coidado do Horto á espera de que alcancen o tamaño necesario para poder ser transplantadas. Este ano non poderá ser, pero os padriños e as madriñas recibirán un “título de propiedade” para cando chegue o momento.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce + dieciseis =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.