A Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas reclama a creación de servizos propios na Sanidade galega

A Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas (APSCS) presentou a finais de marzo no Rexistro da Xunta de Galicia unha solicitude á Consellería de Sanidade reclamanod a creación de Servizos de Psicoloxía Clínica en todas as EOXIs galegas

Este escrito estaba acompañado polas sinaturas do 95% de todos/as os/as especialistas en psicoloxía clínica que exercen na sanidade pública galega, á vez que se solicitou unha entrevista co Conselleiro de Sanidade, co fin de afondar nesta necesidade.

Así o explicou a presidenta da APSCS, Yolanda Castro Casanova, no acto que organizaron hoxe, xoves 4 de abril, na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, onde estivo acompañada pola decana desta institución, Mª Rosa Álvarez Prada, xunto coa decana da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Mª Lourdes Mirón Redondo.

Nos vindeiros días, explicou Yolanda Castro, realizarase a petición de servizos propios ante as xerencias de todas as EOXI de Galicia, ademais de manter uunha serie de charlas informativas, mesas redondas ou eventos formativos, en cada unha das áreas sanitarias co fin de dar difusión ás peticións e intercambiar opinións cos axentes sociais (sindicatos, asociacións de pacientes/familiares, asociacións profesionais, partidos políticos…) para contribuír desde a especificidade profesional da Psicoloxía Clínica á mellora da saúde da poboación.

A psicoloxía clínica é unha especialidade sanitaria plenamente recoñecida en canto a súa definición profesional, nivel competencial e ámbitos de actuación dende 1994. É exercida con plena autonomía técnica e científica; asume a responsabilidade asistencial en tarefas de promoción, prevención, avaliación, diagnóstico, tratamento e investigación, tanto nos dispositivos específicos de saúde mental como noutro tipo de servizos clínicos.

Os/as psicólogos/as clínicos/as incorporáronse, como facultativos especialistas de área ao Sistema Público de Saúde en 2003, grazas ao desenvolvemento das normativas estatais e autonómicas que regulan as accións que fan efectivo o dereito á protección da saúde, e baixo os principios dunha atención integral, baixo un enfoque biopsicosocial e que asegure a continuidade asistencial.

Actualmente, os ámbitos de actuación que configuran a especialidade de psicoloxía clínica non se limitan ao ámbito tradicional da asistencia ao trastorno mental, senón que se dá resposta a problema moi diversos relacionados con procesos de saúde-enfermidade: unidades de cardioloxía, unidades da dor, neuroloxía, oncoloxía, endocrinoloxía, pediatría, coidados paliativos, atención temperá etc. Isto débese á crecente especialización na asistencia sanitaria, aos avances teórico-técnicos da nosa disciplina, e a pericia clínica lograda pola experiencia de traballo colaborativo con outras profesións sanitarias.

“Esta evolución, consolidación, especificidade e diversidade de funcións e responsabilidade da profesión, fai que desde a ASPSC consideremos necesaria unha estrutura organizativa e de xestión  propia que supere a actual e supoña unha mellora do exercicio profesional e das dificultades que nos atopamos no mesmo”, reflexionou Yolanda Castro, argumentando a necesidade da creación de servizos propios.

Responder a unha demanda crecente  Recoñeceu que a demanda crecente de atención especializada en psicoloxía clínica fai que “a accesibilidade aos tratamentos psicolóxicos estea moi por debaixo das recomendacións das guías de boa practica clínica coa dificultade para poder ofertalos en condicións de eficacia e eficiencia”.

A situación exclusiva en servizos de psiquiatría obedece a un “momento histórico pretérito” e non ás esixencias asistencias actuais nin as evidencias científicas en saúde e da xestión dos procesos de saúde e enfermidade. A presidenta da ASPSC cualificou este modelo de organización dependente dos Servicios de Psiquiatría como “obsoleta”, dada a evolución da psicoloxía clínica o que, nalgúns casos, ralentiza a intervención especializada dos/as psicólogos/as clínicos/as, o que incide na súa eficacia e contribúe á medicalización excesiva, á iatroxenia e á cronificación.

Xunto con isto, sinalou Castro Casanova que a ausencia de especialistas en psicoloxía clínica nos centros de Atención Primaria impide dar resposta “centrada no doente”, desde unha perspectiva integral e biopsicosocial, a problemas de alta prevalencia en saúde mental como a ansiedade ou a depresión, e a outros problemas de saúde física (obesidade, diabetes, hipertensión…) para mellorar a evolución das propias enfermidades e diminuír o gasto sanitario/farmacéutico e social.

“A falta de psicólogos clínicos dentro das estruturas de decisión, organización e planificación de actividades asistenciais que nos competen implica carencias asistenciais, inexistencia de programas de intervención en outros servizos hospitalarios”, denunciou, “chegando incluso a suplir ditas necesidades de atención ou intervención psicolóxica con fórmulas de contratación externas e convenios co sector privado sen as mesmas garantías asistencias e legais para os doentes”.

Para a Asociación que representa os/as especialistas en psicoloxía clínica da nosa Comunidade, para acadar unha solución que consiga aumentar a accesibilidade a tratamentos que están regulados dentro do noso sistema de saúde, o seu exercicio en condicións de calidade e eficacia, e a seguridade de pacientes e traballadores, ao igual que as demais especialidades facultativas sanitarias, a psicoloxía clínica ten que organizarse en Servizos propios de Psicoloxía Clínica.

“Así permitirase unha mellor coordinación da actividade deses profesionais, unha planificación máis axeitada das necesidades percibidas e recursos dispoñibles, e potenciar a formación, investigación e innovación específicas da nosa profesión”.

Programa formativo

Ademais da reclamación de servizos propios, Yolanda Castro aproveito para presentar a nova Xunta Directiva da asociación, que acaba de relevar a anterior e que pretende contribuír con azos renovados á mellora pola situación da profesión no sistema público de saúde para garantir unha prestación en condicións apropiadas da prestación de psicoloxía clínica.

Neste sentido, pretende desenvolver un programa da Formación Continuada para os/as psicólogos/as clínicos/as que exercen en Galicia, a en colaboración con outras institucións e asociacións que achegue as actualizacións de coñecementos teórico-practico, técnicas específicas etc., e deste modo traballar en prol da excelencia profesional, da calidade asistencial, da investigación e da innovación.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

15 + 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.