A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación da Semana Santa de Viveiro, declarada de interese turístico internacional

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o Goberno autonómico impulsa esta cita con 50.000 euros a través de fondos propios e dun convenio con Abanca

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación dos actos da Semana Santa de Viveiro, declarada de interese turístico internacional. O delegado territorial, José Manuel Balseiro, estivo acompañado polo presidente da Xunta de Confrarías viveirense, José Veiga, e a  voceira da organización, Mari Carmen López, entre outros.

O delegado gabou “o labor entregado das confrarías durante estes días e durante todo o ano”, que resulta definitivo no éxito “dunha das celebracións relixiosas más antigas de Galicia”, xa que se celebra sen interrupción dende o século XIII. Engadiu que a Semana Santa de Viveiro está considerada como “unha das máis fermosas de toda a comunidade, e destaca polo grande valor histórico e artístico da súas imaxes”.

Segundo explicaron os representantes das confrarías, celebraranse 15 procesións nas que  sairán ás rúas 35 pasos e arredor de 3.500 confrades. Os actos comezarán este mesmo venres coa procesión da Virxe das Dores, a partir das 21.30 horas. O pregón terá lugar no teatro Pastor Díaz ás 20.30 horas do sábado, a cargo de José Manuel González-Páramo.

Este ano celebrarase unha procesión extraordinaria da Paixón o Venres Santo -ás 22.00 horas- para conmemorar o 75 aniversario da Confraría do Santísimo Cristo da Piedade, que reunirá un paso titular de cada unha das oito confrarías de Viveiro e contará coa participación de 1.500 confrades.

Balseiro explicou que a Xunta colabora no impulso desta cita a través de Turismo de Galicia cunha achega económica de 50.000 euros, dos cales 40.000 euros proceden de fondos propios e os outros 10.000 dun convenio do Goberno galego coa entidade Abanca.

O orzamento vai dirixido tamén a apoiar o programa cultural Adral, que constitúe un prólogo dos días propios da Semana Santa e inclúe conferencias, concertos ou exposicións “que dinamizan a rica actividade cultural e patrimonial da cidade nestes días previos”, afirmou o delegado.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.