Alberto Núñez Feijóo, pediu aos galegos do exterior que sexan embaixadores dun dos eventos máis importantes da década que vén, o Xacobeo 2021

“O reto convoca á Galicia de aquí, pero tamén á Galicia de todos os países que representades”, dixo, durante a reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas.

Ao longo da xuntanza, Feijóo lembrou que os galegos do exterior exerceron sempre unha galeguidade activa, ensinando polo mundo a nosa cultura; prestixiaron o nome de Galicia, emprenderon e triunfaron e sempre demostraron a súa preocupación polo que ocorría na súa terra de orixe. “Por fortuna, lonxe ou preto, sempre soubemos vivir como unha comunidade, como construír o noso propio nós”, sinalou.

Nesta liña, incidiu en que poucos pobos teñen a fortuna de poder atopar unha casa ou un fogar en tantos lugares do mundo; unha especie de embaixadas que se crearon espontaneamente e que non van en contra de ninguén, senón a favor da convivencia. “E por iso, quero reivindicar o voso papel no mundo”, sentenciou.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico asegurou que as comunidades de galegos no exterior son a mellor proba para desmentir falsos argumentos que agroman en algúns lugares de España e de Europa; un gran monumento á convivencia. “As identidades suman, non restan. Así o demostrades todos vós”, dixo, precisando que os 150 centros galegos no mundo -as 150 casas de Galicia- non só levaron por todos os lugares a nosa historia, a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa memoria, senón tamén os nosos valores: tolerancia, convivencia e unión.

O titular da Xunta aproveitou o acto para transmitir, unha vez máis, a preocupación por Venezuela e polos 36.000 galegos que viven no país. E fixo fincapé na necesidade de que se estableza un procedemento específico para facilitar o retorno das familias.

Ao respecto, referiuse aos obstáculos que as parellas mixtas ou con fillos que non teñen a nacionalidade atopan para conseguir permisos de residencia ou de traballo, ás dificultades para a homologación de títulos ou o acceso á vivenda. “Precisamos que as administracións locais, provinciais e autonómicas teñan moi en conta que o acceso á vivenda é a tarxeta de entrada e benvida que lle debemos a calquera familia retornada de Venezuela”, dixo, sobre este último punto, resaltando tamén a necesidade de reforzar a Fundación España Salud, para aumentar o número de beneficiarios que poidan contar con cobertura sociosanitaria e para atender as súas necesidades básicas a través das tarxetas de alimentos.

Feijóo quixo tamén destacar a implicación das comunidades de galegos e a súa relevancia na xestión das axudas sociais e asistenciais, e recordou que mañá sábado a emigración galega no seu conxunto recibirá a Medalla do Parlamento de Galicia, “polo voso labor, compromiso, valentía e valores”.

O presidente da Xunta concluíu resaltando ademais que ser galego é hoxe unha oportunidade para as comunidades de galegos do exterior, e especialmente para os máis novos, aos que a Comunidade lles abre as portas para que acaben aquí a súa formación e, a continuación, poidan comezar un futuro laboral. “É unha oportunidade para as segundas e terceiras xeracións do exterior, pero tamén para Galicia”, matizou, en alusión ao reto demográfico.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

15 − 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.