Alternativa dos Veciños presenta candidatos e programa electoral en Nós

Máis de 250 veciños e veciñas de Nós participaron na cea fría que organizou esta noite Alternativa dos Veciños. No acto presentouse ás persoas que forman a candidatura que se concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio e o alcalde de Oleiros e candidato á alcaldía, Ángel García Seoane, falou sobre algúns dos proxectos que ten previsto desenvolver Alternativa se volve recibir o apoio maioritario do pobo de Oleiros.

 Ademais de denunciar a situación política que se vive en toda España, consecuencia das nefastas actuacións dos grandes partidos, García Seoane abordou outros asuntos de ámbito comarcal e local. Entre outras cuestións lamentou as demoras do Ministerio de Fomento para construír a conexión da N-VI coa AP-9 desde o Seixal para aliviar o tráfico da Costa da Tapia e da ponte Pasaxe e criticou a non ampliación da N-VI no Carballo, que segue sen executarse.

O alcalde informou que nestes momentos están a acometerse diferentes obras en Nós.  É o caso das pavimentacións das rúas do Valiño ou da Seara; e da mellora do saneamento en San Bartolomé de las Casas. Tamén está previsto que ao longo deste ano se renove o pavimento en Manuel Murguía.

De cara á vindeira lexislatura, Alternativa dos Veciños ten previsto habilitar a Finca Tenreiro para que poida funcionar como albergue xuvenil. O edificio principal, que está a piques de ser rehabilitado por completo, pasaría a prestar servizo para campamentos infantís e xuvenís.

Alternativa dos Veciños tamén vai seguir avanzando no proxecto de creación do paseo fluvial de 3 km que conectará Iñás co Seixal. O Concello de Oleiros xa contratou un equipo técnico para deseñar o trazado, as súas características e os diferentes espazos que se crearán ao longo de todo o río. Unha grande parte dos terreos para a realización deste paseo xa son de propiedade municipal na actualidade, 56.000 metros en Iñás e 36.000 en Nós. Faltan pequenos tramos de propiedade privada polos que se establecerán negociacións cos seus propietarios.

Ángel García Seoane tamén destacou que Alternativa dos Veciños pretende desenvolver un proxecto urbanístico na rúa Benito Viceto, mellorar o campo de fútbol municipal que utiliza o Hércules de San Pedro e abrir unha nova rúa en Mesón da Auga, entre Manuel Murguía e Anido

Sobre o servizo de acceso a internet, Ángel García Seoane informou que a Xunta de Galicia concedeu unha subvención a unha compañía de telecomunicacións para instalar a rede de banda larga en distintas zonas de Oleiros, entre elas A Gándara, O Valiño e A Veiga. O alcalde explicou que o Concello de Oleiros está a presionar á administración autonómica para que a compañía que vai realizar a instalación non se demore, dada a importancia deste servizo para a actividade profesional e doméstica de numerosos veciños.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.