Ana Peleteiro, Nieves Gamallo, Susana Rodríguez, Tere Abilleira e Malena Mieres, premios Deporte Feminino Galego 2018

Os premios será entregados no transcurso dunha gala, que se celebrará en Vilagarcía, organizada pola Deputación Provincial

Ana Peleteiro, Nieves Gamallo, Tere Abilleira, Malena Mieres ou Susana Rodríguez son algunhas das protagonistas da Gala do Deporte Feminino Galego, que se celebrará o próximo día 3 de maio (20:00 horas) no Auditorio Municipal de Vilagarcía. No transcurso deste evento, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra, procederemos a entrega dos VII Premios do Deporte Feminino Galego, correspondentes ao ano 2018. Con estes premios, Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá) busca lograr que os éxitos do deporte feminino sexan recoñecidos pola sociedade.

O pasado luns 3 de abril reuniuse o xurado (formado por representantes de federacións deportivas, do CGTD, xornalistas, deportistas, Deputación Provincial e a propia asociación Mudegá) para estudar as candidaturas presentadas tanto por federacións coma clubs ou persoas a nivel particular. De destacar a enorme participación deste ano (máis de 130 propostas), moi superior a edicións anteriores, e en algunhas das modalidades chegaron a presentarse máis de 30 candidaturas. O xurado tivo unha complicada tarefa para decidir os premios, xa que había campioas mundiais en diferentes modalidades, medallistas internacionais, deportistas con magníficas traxectorias deportivas, xente moi nova que está a acadar logros a nivel internacional, clubs con resultados incribles…

A atleta Ana Peleteiro (triplo salto) foi elixida como mellor deportista galega do 2018, no seu ano de explosión a nivel internacional. A riveirense logrou a medalla de bronce no Mundial de Pista Cuberta de Birmingham e o bronce no Europeo ao aire libre (Berlín). Ademais, as xogadoras de fútbol Tere Abilleira e Malena Mieres (campioas de Europa sub 19) recibirán o galardón de mellor deportista promesa do ano; mentres que Nieves Gamallo, que o foi todo no balonmán feminino galego (ex xogadora de balonmán, adestradora, delegada, fundadora dun club) será premiada pola súa traxectoria deportiva. Susana Rodríguez Gacio volve vencer na categoría de deportista con diversidade funcional, ao proclamarse campioa do Mundo de paratríatlon en Gold Coast e subcampioa de Europa.

O Atlético Guardés tamén repite premio como mellor equipo galego. Despois de acadar o título de Liga na máxima categoría do balonmán feminino español en 2017, ao ano seguinte quedou segundo clasificado (empatado a puntos co primeiro), mentres que o Cidade de Lugo Fluvial será o mellor club nun ano redondo: Campioas da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon, campioas de España de Dúatlon por clubs, campioas da Copa do Rei de tríatlon, sextas no Campionato de Europa de Tríatlon por clubs.

Na categoría de adestradora o premio será para Carla Abad, técnica do Balonmán Cañiza e seleccionadora galega infantil feminina. Con Galicia acadou a medalla de bronce no campionato de España 2018. Ademais, Zulema González (galega de Terceira División e árbitra da primeira categoría do fútbol feminino) repite por segundo ano consecutivo como mellor árbitra, ao converterse na “primeira árbitra galega que acada o nivel FIFA”. A directiva do Burela F.S. foi recoñecida como mellor directiva do ano, por facer historia ao asinar o primeiro convenio colectivo de fútbol sala feminino. O premio ao medio de comunicación amigo do deporte feminino, foi este ano dobre, ao concederse ao Diario de Pontevedra e ao Faro de Vigo.

O premio para a entidade privada máis colaboradora é para Rodosa, unha empresa cunha sensibilidade especial, que patrocina tanto  a deportistas (por exemplo, foi un dos primeiros patrocinadores de Susana Rodríguez), clubs femininos e eventos deportivos, mentres que o premio para a entidade pública foi para a Deputación de Pontevedra, pola promoción do igualdade no deporte. Na iniciativa a prol do deporte o galardón recaeu na Escola de Fútbol Feminino Rosalía (Ourense), fundada en 2018 para dar saída a todas esas nenas que queren xogar ao fútbol e non atopaban acomodo noutros clubs.

No transcurso da gala, tamén se entregará unha mención especial, que será para a esgrimista Judith Rodríguez, que o pasado ano, volvendo da disputa dun campionato, sufriu un grave accidente de tráfico, do que se está a recuperar.

Ademais, a título póstumo, o deporte feminino galego homenaxeará a Manuel González Soto, ex presidente do Chapela de balonmán, pola súa aposta polo balonmán feminino e a Micalea Sinde, que levou a bandeira galega ata o Polo Norte e apostou polo deporte na loita contra a enfermidade.

*A continuación, a lista de premiados/as correspondentes aos Premio ao Deporte Feminino 2018:

Mellor deportista feminina: Ana Peleteiro

Mellor deportista feminina con diversidade funcional: Susana Rodríguez Gacio

Mellor deportista feminina promesa: Teresa Abilleira e Malena Mieres

Mellor adestradora do deporte feminino: Carla Abad

Mellor equipo feminino: Atlético Guardés

Premio á traxectoria: Nieves Gamallo

Mellor árbitra ou xuíza: Zulema González

Mellor directiva (máis comprometida/o co desenvolvemento do deporte feminino): A directiva do Burela F.S.

Mellor club: Cidade de Lugo Fluvial

Medio de comunicación amigo do deporte feminino: – Diario de Pontevedra – Faro de Vigo

Institución pública amiga do deporte feminino: Deputación de Pontevedra

Entidade privada máis colaboradora co deporte feminino: Rodosa

Mellor iniciativa a prol do deporte feminino: Escola de Fútbol Feminino Rosalía

Mención especial: Judith Rodríguez

Mención honorífica In Memoriam: – Manuel González Soto  – Micaela Sinde

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce − 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.