Cadernos da viaxe. A liberdade en risco. Por Xoán Antón Pérez-Lema

Ao comezo dos meus estudos universitarios, o profesor de Dereito Natural, Joaquín Almoguera, xa me advertira “Mire, non existe propiamente a Constitución. Existe o Tribunal Constitucional”. Velaí unha verdade temperán,  enxergada cando o Alto Tribunal non tiña nin seis anos de vida.

O que o meu profesor non sería quen de albiscar daquela é que, a volta de trinta anos, os que votaron non á Constitución e máis os seus fillos ían monopolizar a defensa e interpretación da Carta Magna, como ven de advertir Jordi Barbera.

No Estado español houbo unha mutación constitucional no outono de 2017. Despois do discurso do Xefe do Estado do 3-Ou Rajoy venceu as propias dúbidas e máis as do PSOE para cesar ao Govern catalán e disolver o Parlament, vulnerando o propio marco constitucional do 155 e deixando sen efecto o dereito á autonomía das nacionalidades. Outravolta, como afirmaba o xurista alemán Carl Schmitt, impúñase o decisionismo: en tempos de crise do Estado (como a xurdida do 11-M e da cuestión catalá) a normativa constitucional non pode ser chata á decisión do titular da soberanía. A intervención do 155 era materialmente inconstitucional, mais a Constitución viña de ser mutada en virtude dun acto decisional, que nace co discurso de El Rei o 3 de outubro e remata o 27 coa aprobación do Senado á proposta gubernamental, malia a falla evidente de efectos xurídicos das declaracións parlamentarias catalás do 10-Ou e do 27-Ou (ésta aínda non adoptada cando se votou o 155).

A mutación constitucional chegou tamén á liberdade de expresión, vulnerada en sentenzas como a de Valtonyc ou na liña restritiva da Xunta Electoral Central prohibindo simples lendas de “liberdade de expresión” nos edificios públicos cataláns. Ou aos abusos da policía patriótica do Ministro Jorge F.Díaz, usando recursos públicos para espiar lexítimos opositores políticos.

Fronte estes abusos o PSOE estivo ausente. O 2-Ou de 2017 pediu a comparecencia da entón vicepresidenta Saínz de Santamaría para explicar os abusos do Ministerio do Interior da véspera  en Catalunya, mais axiña  rectificou e hoxe nega a súa existencia. Unidos Podemos e  os Comúns  navegan dende setembro de 2017 nunha equidistancia incompatíbel cos valores democráticos.

Este risco para a liberdade non ten xerado aínda preocupación abonda no conxunto da sociedade. Mañá a agresión na nosa liberdade podémola sofrir calquera de nós. Haberá entón  que nos valla?

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

4 × 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.