CCOO-Sanidade insiste en que Rianxo precisa un PAC de tarde

 A Federación de Sanidade de CCOO insiste en que Rianxo precisa dun punto de atención continuada (PAC) de tarde, en horario de 15:00 a 8:00. O sindicato sinala que o concello ten case doce mil habitantes e preto de tres mil persoas teñen adxudicada a atención médica e enfermeira en quenda de tarde. Porén, o número de persoas que atenden acotío é moito maior, xa que reciben todas as urxencias que xorden entre as 15:00 e as 22:00, o que provoca unha saturación.

Segundo o sindicato, en ocasións é preciso atender 40 ou 50 persoas diarias, situación que se agrava cando hai que acudir a algunha urxencia na rúa, nun domicilio ou facer un traslado en ambulancia ao Hospital Clínico Universitario de Santiago —hospital de referencia, pero situado a case cincuenta quilómetros do centro de saúde—. Nestes casos, o equipo médico e de enfermería pode chegar a ausentarse ata hora e media do centro de saúde, sobrecargando aínda máis o traballo do resto de persoal. Nalgunha ocasión, cando houbo que asistir dúas urxencias simultáneas, os doentes con cita programada para ese día tiveron que agardar horas a ser atendidos ou volver noutra data, pois no centro de saúde só se atopaba unha persoa de servizos xerais (PSX).

O persoal, apoiado pola veciñanza, continúa protestando cada semana para esixir unha solución

Para denunciar esta situación e esixir un PAC de tarde para Rianxo, o persoal e a veciñanza concéntranse cada venres fronte ao centro de saúde da vila e iniciaron unha recollida de sinaturas. Todo, para esixir o mesmo servizo que teñen outros concellos da comarca e prestar unha mellor atención á poboación.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.