CIG. Convocada folga indefinida no transporte de Residuos Sólidos Urbanos de SOGAMA

Membros do comité de folga de Transportes Pacholo S.L., empresa que realiza o transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) veñen de rexistrar a convocatoria de folga indefinida que se desenvolverá a partir do vindeiro día 15 de abril. Esta convocatoria foi aprobada nunha concorrida asemblea de traballadores/as por 60 votos a favor e ningún en contra. O persoal de Transportes Pacholo leva meses denunciando o acoso laboral ao que é sometido pola empresa que vén de despedir, como resposta ás súas denuncias, a 8 compañeiros. 

 

A FGAMT-CIG e o persoal denuncian que esta non é unha decisión de Transportes Pacholo, senón que “os culpables están máis arriba”. Sinalan en concreto a COPASA, SOGAMA e ao propio Partido Popular que foi quen deseñou un modelo de subcontratas que “precariza as condicións laborais a costa dun peor servizo para repartirse os beneficios. Son eses verdadeiros responsables quen se situaron na nosa diana de aquí en diante”, advirten.

Hai tres anos SOGAMA entregou a concesión de transporte dos contedenedores de RSU a unha UTE formada por COPASA, RENFE e LOGIRAIL no que foi o contrato público máis elevado na pasada lexislatura do goberno de Núñez Feijoo, con 140 millóns de euros.

Porén, desde o primeiro día esta UTE subcontratou o servizo a unha empresa do Carballiño, Transportes Pacholo SL, sen experiencia no transporte de RSU e que nese momento se atopaba en concurso de acredores.

Presións ao persoal

A operación incluíu tamén a sinatura dun convenio propio, un mes antes de coller a concesións, que rebaixaba os salarios existentes no transporte de SOGAMA nun 40%. “Non contentos con iso, desde o primeiro día presionouse aos traballadores para que incumpriran normas de tráfico, horarios e tamén as normas máis básicas de seguridade e saúde no traballo co obxectivo de desregular por completo as relacións laborais e abaratar así o custo do servizo”.

Nos últimos meses os traballadores procedentes da anterior contrata conseguiron mellorar as súas condicións laborais a través dun laudo arbitral que ditaminou a existencia de subrogación. A partir dese momento o empeño da empresa foi dividir a este colectivo de todos os demais traballadores que foran contratados directamente por Transportes Pacholo e no marco da denuncia desta situación, como escarmento, se producen agora os 8 despedimentos.

Esta decisión, como todas as importantes que se teñen tomado desde o inicio da contrata está deseñada e, como mínimo aceptada, tanto por SOGAMA como por COPASA –que é casualmente a empresa galega que, segundo os papeis de Bárcenas máis aportou ao financiamento ilegal do PP- e é nese marco no que se desenvolverá a convocatoria de folga en curso.

Unha folga coa que se pretende denunciar ese modelo precarizador que o PP impuxo e demandar a readmisión de todos os traballadores, a fin das represalias e unhas condicións laborais dignas e iguais para todo o cadro de persoal.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.