En Común-Unidas Podemos advirte que un Goberno do PSOE con Ciudadanos só faría que siga mandando o IBEX 35

En Común-Unidas Podemos advertiu este sábado, nun acto celebrado en Pontevedra, que un Goberno de PSOE con Ciudadanos “só faría que siga mandando o IBEX 35”.

Segundo asegurou a candidata ao Congreso por esta provincia, Yolanda Díaz, “Sánchez enorgullécese de traballar man a man con Rivera” e iso é sinónimo de impunidade para os poderosos, mentres que “con nós no Executivo as empresas do IBEX 35, a Igrexa e todos os poderosos como Amancio Ortega van pagar impostos, como todo o mundo”.

Yolanda Díaz tamén denunciou a precariedade creada polas reformas laborais e acusou ao PP e a Ana Pastor de mentir cando din que crean emprego, xa que “coa súa reforma laboral o único que fixeron foi repartir miseria”. A cabeza de lista citou que “en Pontevedra só o 6’5% dos contratos son indefinidos. Iso é o que fixo o PP. Pero nós témolo claro: en España a modalidade contractual laboral vaise chamar contrato indefinido”. E engadiu que “a nosa carta de presentación é demostrar que si se pode, como fixemos arrancándolle ao PSOE a maior subida do salario mínimo da historia da democracia”.

O candidato ao Congreso, Alberto Rodríguez, indicou que “a corrupción é a forma de gobernar dos que neste país non se presentan ás eleccións”. Ante isto, chamou a “saír a votar o 28A para que gobernemos os quee non lle debemos nada a ninguén”. Como mostra do nerviosismo dos poderosos, Rodríguez lembrou a campaña orquestrada “dende as cloacas do Estado para que Unidas Podemos non estivera no goberno”. Así, indicou que “estamos a xogarnos o futuro, estamos xogándonos volver ao pasado e retroceder máis en calidade de vida e en dereitos”. O candidato canario  tamén quixo manifestar que “é un orgullo estar en Galicia. Recordo o agarimo que nos destes cando viñemos recoller o chapapote do Prestige. Grazas de corazón por dar exemplo”.

Pola súa banda, a candidata á Cámara Baixa por Pontevedra, Ángela Rodríguez (Pam), insistiu na necesidade de evitar a formación dun Executivo de PSOE e Ciudadanos, xa que “Sánchez aínda non dixo que non vai pactar con Cs. O 28 de abril temos que evitar que Rivera sexa o ministro de Traballo e facer que o sexa Yolanda Díaz votando a En Común-Unidas Podemos”. A candidata da cidade do Lérez tamén advertiu do risco de retroceder en dereitos en caso dun Executivo formado por PP, Cs e Vox. “Están dispostos a xogar coas nodas vidas con tal de volver gañar. Non lles importamos as mulleres nin as persoas LGTBI. Demóstrano día a día coas súas declaracións”, sentenciou.

O candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, quixo exemplificar o sometemento dos gobernos de PP e PSOE aos intereses das multinacionais coa situación da AP-9. “Veño dende A Coruña pola autoestrada e dicímolo alto e claro: queremos unha AP-9 pública, galega e gratuíta. Iso faremos nós se gobernamos despois do 28A”. Ademais, apuntou que “o PSOE cando está forte fai políticas de dereitas. Nestas eleccións temos a posibilidade dun goberno progresista no que Galicia estea no centro con En Común Unidas Podemos”.

Mariquiña Lores, candidata ao Congreso por Pontevedra, alertou de que “non podemos deixar que gobernen as dereitas” porque provoca consecuencias como as que sufrimos con Feijóo en Galicia, que “está vendendo a baixo prezo o noso sistema de saúde”. A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, chamou a mobilizarse na cita electoral tamén polas traballadoras e traballadores dos servizos públicos que se están mobilizando, como os da CRTVG ou as enfermeiras, a quen enviou “todo o noso apoio”. O secretario de Acción Institucional de Podemos Galicia, Marcos Cal, sinalou que “fronte á Galicia da involución á que nos queren levar, está a Galicia que loita contra o cambio climático, que é feminista, que quere camiñar En Común”, e a secretaria de Educación da formación morada, Julia Torregosa, reivindicou a necesidade de saír a votar pola defensa dun ensino público de calidade

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

14 − 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.