En Común Unidas Podemos reivindica en Vigo que “hai que ter as mans libres para gobernar ao servizo das maiorías sociais”

A candidata ao Congreso, Yolanda Díaz, destacou que “o PSOE non derroga a reforma laboral porque ten débedas cos poderosos” nun acto no que tamén interviron Alberto Garzón, Ángela Rodríguez Pam e Antón Gómez-Reino

En Común Unidas Podemos reivindicou este sábado nun multitudinario acto en Vigo que para gobernar ao servizo das maiorías sociais “hai que ter as mans libres e non depender dos poderes económicos”.

A candidata ao Congreso, Yolanda Díaz, destacou, nun Teatro García Barbón abarrotado, que o PSOE non leva a cabo medidas como derrogar a reforma laboral, intervir o prezo da luz ante os abusos das eléctricas ou reclamarlle á banca que devolva os 60 mil millóns de euros do rescate porque “ten débedas cos poderosos”. Fronte a isto, reclamou o voto para En Común Unidas Podemos porque “só nós podemos facer que o Goberno mire polos intereses da xente”.

Yolanda Díaz tamén incidiu en que na última lexislatura “conseguimos a subida do salario mínimo porque tiñamos 69 deputadas e deputados. Precisamos forza para defender á xente do noso país e para conseguir que se siga subindo o SMI. O PSOE presume dos permisos de paternidade e maternidade igualitarios ou do subsidio a maiores de 52 anos, pero esas medidas saíron adiante grazas a nós”. Díaz tamén reclamou que Pedro Sánchez diga con quen quere gobernar “para que a xente non vote enganada”.

O candidato ao Congreso e coordinador federal de Izquierda Unida, Alberto Garzón, fixo fincapé na súa intervención en loitar contra a “normalización da precariedade laboral”. “Hai dez anos ser mileurista era un drama, pero hoxe dinnos que é un privilexio. Que proxecto de vida podes armar con ese salario e se non sabes se terás traballo a semana que vén?”. Garzón afondou en que “esta candidatura é a única que pode resolver os problemas desde a raíz. Cando hai unha oposición entre os dereitos humanos e poderes económicos, Unidas Podemos di dereitos humanos. O resto di poderes económicos”. Por iso considerou que “o 28A xogámonos o país que se pode construír nos próximos anos e votar a Unidas Podemos é a única forma de garantizar un futuro para todos e todas”.

Pola súa banda, o candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez Reino, advertiu de que “o PSOE cando está forte goberna con políticas de dereitas. Por iso é tan importante un goberno no que estemos, para recordarlle cal é o camiño. Temos a oportunidade de elixir unha alternativa para as maioría sociais”.

Para Gómez-Reino é imprescindible formar “un Goberno valente que se comprometa coa memoria histórica, que pode quitar a Cruz do Castro, ou que protexa os nosos sectores produtivos. Sabemos que o PSOE non o vai facer, e esta cidade merece algo mellor”. E concluíu asegurando que “temos a posibilidade de poñer a Galicia no centro do Goberno, o 28A saímos a gañar”.

A candidata á Cámara Baixa por Pontevedra, Ángela Rodríguez, centrou a súa intervención na importancia de que o feminismo esté presente de xeito transversal nas políticas do próximo Executivo. “Somos feministas e somos pro-vida. Gustaríame que a xente nova deste país tivera un salario mínimo máis alto para poder formar unha familia e pagar alugueiros. Iso si é ser provida, reclamar unha vida digna”, e engaidu que “as feministas queremos poñer orde, queremos gobernar. Existe un futuro mellor que a realidade á que nos queren condenar. Hai un futuro e é feminismo. Votar feminismo o 28A é votar En Común Unidas Podemos”.
O candidato ao Congreso por Pontevedra e catedrático de dereito do traballo, Jaime Cabeza, resaltou a necesidade de “defender un sistema que nos permita vivir unha vida con garantías e dignidade”.Vanessa Angustia, candidata ao Senado por Pontevedra, proclamou que “somos a única posibilidade de saír da escuridade e frear o fascismo”, mentres que a candidata ao Congreso por Ourense, Ledicia Piñeiro, instou a votar por En Común Unidas Podemos para rebelarse contra “os que queren que nos resignemos a non ter unha vida digna”. Pola súa parte, a candidata ao Congreso por Lugo, Vanessa Somoza, afirmou que “temos que aproveitar esta oportunidade para mudar o modelo de país e que a clase traballadora tome o protagonismo”.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, chamou a “ mobilizar a todo o mundo para ser decisivas” e o candidato á alcaldía de Vigo pola Marea de Vigo, Rubén Pérez, fixo referencia á reunión que mantiveron momentos antes do acto con traballadoras e traballadores do sector naval e ás traballadoras de educación infantil que denunciaban a precariedade nos salarios e destacou que “o maior insulto que se lles fixo foi non derrogar a reforma laboral”.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

8 + 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.