En Marea comprométese a romper co illamento ferroviario no sur da provincia de Lugo

En Marea romperá a incomunicación ferroviaria do sur da provincia de Lugo e esforzarse por conseguir os orzamentos que o Partido Popular negou durante anos. Foi o compromiso que Luís Villares, deixou en Monforte, nun mitin no que o voceiro apostou por potenciar o desenvolvemento do Porto Seco para convertilo nun auténtico nó de mercadorias cara a Europa

“O Partido Popular é o partido do illamento e do atraso socioeconómico para Galicia. E en Monforte temos un exemplo claro do desleixo e da ausencia de políticas en materia de infraestruturas deste partido, que levou a que Monforte perdese o tren todos estes anos”. Así denuncia o voceiro de En Marea unha situación que a formación se esforzará por reverter, impulsando unha política de infraestruturas clara para a provincia e para a vertebración de todo o sistema ferroviario galego.

Para En Marea resulta intolerable que o Porto Seco se manteña como “unha superficie herma, sen ningún tipo de actividade”, “un exemplo das políticas ferroviarias e de infraestruturas que o PP non quixo desenvolver” e do seu desinterese cara ás necesidades da provincia de Lugo.

Contra ese modelo que opta pola paralización, En Marea comprométese a levar a Madrid as tarefas pendentes en materia de infraestruturas e conexións ferroviarias. “Queremos un Corredor Atlántico ferroviario e querémolo xa. Un corredor no que Monforte sexa o nó de todas as comunicacións das mercadorías que chegan por porto”, asevera Villares.

En Marea aposta polo ferrocarril como un medio de transporte rápido, eficiente e sostible ambientalmente, tamén no que a transporte individual de persoas se refire. “Fronte ao modelo do PP, que se empeñou en manter illado Monforte e o sur de Lugo; fronte á incomunicación ferroviaria que se mantuvo durante todo o goberno de Rajoy coa convivencia de Feijóo, que non desenvolveu o Porto Seco, En Marea aposta polo seu desenvolvemento inmediato”.

Fronte a esa paralización que ven caracterizando a xestión do Partido Popular, Luís Villares pon en valor a coherencia de En Marea. “Votamos en contra dos últimos orzamentos estatais porque non contemplaban investimentos para o Corredor Atlántico Ferroviario nin para conectar os nosos portos co Porto Seco de Monforte para levar as mercadorias cara a Europa. Cremos no desenvolvemento socioeconómico de Galicia e no desenvolvemento ferroviario da provincia de Lugo”, afirma o voceiro.

Na necesidade de potenciar a vertebración da provincia e as conexións ferroviarias incidiu tamén a candidata ao Congreso. “Monforte é un nó de comunicacións insubstituíble. Pola súa situación privilexiada e polo seu volume de poboación, e é inxustificado o abandono por parte do Goberno e Xunta”, asevera Cristina Pérez Herraiz.

“Para nós o traballo ben feito é o noso aval. E estamos seguros de que para a xente de Monforte tamén”, indica a cabeza de lista lucense ao Congreso. Que lembra “a constante loita parlamentaria de En Marea, ao carón das asociacións, para que o Hospital Comarcal funcione e para acabar coa precarización do persoal que pagan logo os veciños”.

Pérez Herraiz comprometeuse a traballar arreo para levar ao Congreso dos Deputados iniciativas que permitan o desenvolvemento de Lugo en tres ámbitos: os servizos, o transporte e o medio ambiente como fonte de riqueza. “Ese é o proxecto que En Marea ten para Monforte como núcleo vital da nosa provincia”.

A candidata puxo o foco na necesidade de conquerir infraestruturas e sanidade de calidade, “para que o sur de Lugo teña un eixo de servizos, comercio e desenvolvemento que articule a zona, fixe poboación e diversifique a economía provincial.  Por iso apoiaremos as demandas do sector vitícola e darémoslle voz no Congreso, xunto ao sector turístico, potenciando a declaración pola Unesco como Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra. Pero impulsaremos a loita por ese galardón ao carón da cidadanía e non de costas ás suas demandas como fai a Xunta de Galicia, xorda ás reclamacións dos monfortinos”.

Pola súa banda, a candidata ao Senado, Victoria Esteban, destacou a necesidade de trabalhar para mellorar a educación. “Pregúntome se os mozos e mozas de Monforte o teñen fácil ou non para ir estudar ás universidades galegas”, indica a cabeza de lista. Que aposta por impulsar medidas urxentes no eido educativo que garantan o acceso universal a un sistema educativo público e de calidade.

Tamén Paula Vázquez Verao, deputada de En Marea, reivindicou as tarefas pendentes para mellorar a calidade de vida da cidadanía de Lugo e favorecer o desenvolvemento socioeconómico dunha provincia capaz de fixar poboación.

“Os nosos deputados e deputadas en Madrid non van ir para pasear aos platós da Sexta Noche: van para defender a Galiza e as galegas. E votarán a favor de suba de SMI, pero nunca traizoarán ao noso País. E nin un só voto de En Marea se venderá, utilizarémolos para garantor ersoal para o taller de Renfe ou para garantir o desenvolvemento do corredor atlántico ou para esixir un tren que conecte Monforte todos os días co tren que dende Ourense vai e volve a Santiago, tal como pide a Plataforma Ferroviaria, para posibilitar á nosa mocidade traballar ou estudar alí. Porque as nosas deputadas e senadoras só se deben aos intereses da xente, e non aos de quen compra políticos e políticas para facer negocio. As portas xiratorias son as de outros e outras”, afirmou Vázquez Verao.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.