En Marea volve esixir o cese do Xefe de Minas da Xunta de Galicia

O grupo parlamentar de En Marea, a través do seu deputado Antón Sánchez, volve reclamar “como xa fixemos hai un ano, a dimisión do Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, por ser peza fundamental no modus operandi da Xunta en relación coa xestión das minas”.

Esta nova demanda de cese vén provocada tralas informacións de que Tahoces declarará como investigado por prevaricación ambiental nun xuízo sobre as minas de San Fins, en Lousame. Como relata o deputado, neste caso “fálase de conivencia, inacción e desleixo da Xunta de Galicia perante as actividades contaminantes da empresa”.

En Marea sostén que o xuízo concreto non é máis que “a punta do iceberg dunha práctica continua da Xunta de Galicia de conivencia coas empresas que contaminan o noso entorno, de tapar esas actividades contaminantes, de non cumprir a lei e de poñerse do lado destas poderosas empresas”, como explica Sánchez. Por este motivo alegan que o cese trátase dunha cuestión política, porque se refire á xestión continua da Xunta en relación con esas empresas, máis alá do caso xudicial.

O certo é que esta solicitude enmárcase nunha serie de denuncias que leva feito En Marea sobre o xeito no que a Xunta de Galicia actúa en relación coas empresas mineiras, tanto durante a súa actividade como despois, “cando incumpren coas obrigas de restauración, destacando o vertido de augas ácidas”, como critica o deputado que tamén denunciou que “sexa en San Fins, en Santa Comba, en Touro ou en Valdeorras vemos constantemente como non actúa a Administración para facer cumprir a lei e que dunha vez por todas as actividades que existan no nosos rural sexan respectuosas co Medio Ambiente e coa saúde das persoas”.

“Este é o modelo que o Sr. Feijoo pretende para Galicia porque a lexislación que foi aprobando nestes anos, como a Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais, coñecida como Lei de Depredación, non son máis que leis ditadas por estas empresas para defender os seus intereses”, afirmou Antón Sánchez.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce + uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.