Feijóo avanza a licitación dos 100 primeiros contratos do transporte público que funcionará na vindeira década cun volume de negocio de case 630 M€

A contratación das novas concesións garantirá a continuidade da prestación dos servizos de transporte público, unha vez rematado o prazo máximo dos contratos adxudicados no verán de 2017

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta autorizou a licitación dos cen primeiros contratos do transporte público que funcionarán en Galicia na vindeira década. Trátase dun volume de negocio de case 630 millóns de euros, dos cales máis de 500 serán achegados pola Xunta.

Feijóo sinalou que se autoriza a contratación de concesións “de case 2.000 liñas de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, que van percorrer máis de 28 millóns de quilómetros ao ano en máis de 1.000 autobuses.” O presidente da Xunta destacou que a contratación das novas concesións “garantirá a continuidade da prestación dos servizos de transporte público”, unha vez rematado o prazo máximo dos contratos adxudicados no verán de 2017.

Estas concesións incluirán importantes melloras, entre as que destaca, por exemplo, o servizo de autobús compartido entre escolares e usuarios xerais. Das case 2.000 liñas de transporte deseñadas, 1.400 terán a consideración de liñas integradas e máis de 1.000 prestarán algún tipo de servizo baixo demanda.

Os contratos tamén introducen importantes melloras para os usuarios en relación á prestación de servizos como, por exemplo, a igualdade tarifaria por quilómetro, unha regulación máis concreta na prestación de servizos baixo demanda ou incrementos e melloras de servizos en liña, rutas, expedicións ou horarios.

Ademais, os contratos autorizados prevén a extensión das medidas de modernización do sistema a todos os vehículos e operadores como a instalación de ferramentas de cobro que admitan pago con tarxeta Transporte Metropolitano de Galicia. Os contratos ademais están dimensionados para favorecer a participación das pequenas e medianas empresas e se limitará a adxudicación de contratos a unha única empresa para evitar a concentración. No que respecta ao emprego, o acordo pechado coas principais centrais sindicais blinda a subrogación de preto de 1.000 condutores. Feijóo incidiu en que “os contratos tamén foron sometidos a un proceso de participación pública”.

O presidente da Xunta lembrou que a primeira fase do Plan de Transporte Público fixo posible que Galicia non quedara nin un só día sen transporte como consecuencia da renuncia das empresas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 + dieciseis =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.