Medio Ambiente e Os Bolechas lanzan un concurso de debuxo sobre reciclaxe de aparellos electrónicos

O obxectivo do certame, que se convoca no marco da campaña de sensibilización posta en marcha en decembro da man dos Bolechas, é educar e fomentar entre as novas xeracións hábitos relacionados coa recuperación destes residuos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou hoxe en Ribeira un concurso de debuxo dirixido a escolares de centros de infantil e primaria de toda Galicia para incidir na importancia de realizar unha correcta reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) tanto para garantir a saúde do planeta como pola nosa propia saúde.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, presentou este novo certame na Escola de Educación Infantil Capela Carreira, un dos centros educativos que participa na campaña de sensibilización ambiental impulsada pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos personaxes de Os Bolechas, a popular colección de libros infantís.

Segundo explicou Ferreira Costa, o concurso de debuxo RAEE-Bolechas está aberto á participación de todo o alumnado de infantil e primaria da comunidade e o seu obxectivo final é contribuír a concienciar as novas xeracións sobre a importancia de realizar unha correcta reciclaxe dos residuos derivados deste tipo de aparellos, tanto para garantir a boa saúde do planeta como a das persoas. Neste sentido, a finalidade da actividade promovida desde a Consellería de Medio Ambiente é subliñar o papel que xoga tamén a contorna escolar á hora de fixar determinados hábitos e costumes.

Dúas modalidades: desde o colexio ou desde casa

Para plasmar a súa creatividade e poder participar, os rapaces interesados terán de prazo para facer os seus debuxos desde o 6 de maio ata o día 31 do mesmo mes. Poderase participar de forma colectiva desde o colexio: o mestre ou mestra inscribirá a súa clase no certame a través da web oficial da campaña e sete días despois un mensaxeiro pasará polo centro para recoller os debuxos.

Pero tamén se poderá participar de forma individual desde a casa. Para iso, os escolares que participaron co colexio recibirán un código que unha persoa adulta deberá inserir na web para que o estudante participe indivualmente co mesmo debuxo que fixo no colexio. Pero as nenas e nenos que non participen na escola, tamén poderán ser inscritos e descargar na web a folla para facer o debuxo e participar.

Os gañadores en cada unha das dúas modalidades serán escollidos a través dun sorteo ante notario. Na modalidade colectiva, a aula que resulte gañadora levará un premio de 3.000 euros que terá que destinar a actividades educativas (viaxes culturais e similares) mentres que entre o resto de aulas inscritas sortearanse 10 portátiles e 20 Bibliotecas Básicas dos Bolechas. E entre os debuxos que participen na modalidade individual sortearanse outras 20 bibliotecas dos Bolechas.

Ademais, o colexio gañador do gran premio de 3000 euros recibirá o agasallo nunha  cerimonia pública prevista para o vindeiro 7 de xuño.

Campaña de sensibilización

O pasado mes de decembro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo en marcha unha campaña de sensibilización para fomentar a reciclaxe dos RAEE entre os escolares galegos da man de Os Bolechas. Con este fin, os populares personaxes infantís convertéronse nos Electrecos, superheroes da reciclaxe que dunha maneira amena e didáctica percorren os colexios galegos trasladándolles aos cativos pautas e coñecementos para o correcto tratamento destes residuos e recrutando novos aliados para o seu obxectivo.

Con esta iniciativa percorreranse en total 350 centros educativos de toda Galicia co fin de acadar que as novas xeracións de galegos sexan conscientes da importancia da reciclaxe dos residuos e, concretamente, daqueles derivados dos aparellos eléctricos e electrónicos que desbotamos porque non funcionan ou quedan obsoletos.

Precisamente, a EEI Capela Carreira na que se presentou o concurso de debuxo RAEE-Bolechas recibiu hoxe a visita dos Electrecos, que a través de xogos e de material específico adaptado á idade do alumnado, trasladáronlle aos nenos un decálogo con comportamentos e actitudes colectivas e individuais que deben poñer en práctica tanto no seu centro como nos seus fogares.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.