O PP lucense ten demostrado o seu compromiso co sur da provincia apoiando no Congreso fai xa 5 anos a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

“O Partido Popular demostra con feitos o seu compromiso coa zona sur da provincia”. Así o manifestou a presidenta dos populares lucenses, Elena Candia, lembrando que os populares demostraron o seu apoio a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade “presentando no Congreso unha proposición non de lei fai xa 5 anos, en marzo do 2014”.

Foi durante un encontro celebrado en Monforte e no que participaron os candidatos do PP por Lugo ás eleccións do vindeiro 28 de abril e tamén os alcaldables populares da zona de cara aos comicios municipais de maio. Durante esta xuntanza os populares aplaudiron a aprobación por unanimidade da distinción que concede a Unesco e puxeron de relevo tamén “o impulso extraordinario do Goberno da Xunta para promovela”, tal e como recoñeceron dende o Consello de Patrimonio Histórico.

Tanto a proposta dos populares no Congreso xa no ano 2014 e o traballo do Goberno de Feijóo na Xunta para impulsar a candidatura “poñen de relevo que o PP, dende calquera institución na que ten representación, cre no noso territorio, aposta pola súa promoción e traballa por conseguir o mellor para os lucenses”.

Igualmente, os cabeza de lista ao Congreso e ao Senado do PP pola nosa provincia, Jaime De Olano e José Manuel Barreiro, manifestaron o seu interese por “seguir traballando nesta liña positiva” porque “se o Partido Popular gaña, gaña a provincia e gaña a comarca da Ribeira Sacra”.

Os candidatos do PP recordaron, así mesmo, o seu compromiso coa zona sur da provincia tamén en materia de infraestruturas, tal e como xa tiña adquirido o Goberno popular no Estado coa autovía entre Lugo e Ourense ou co ferrocarril entre Monforte e Lugo. Foron críticos, a este respecto, coa “paralización á que o Goberno de Pedro Sánchez somete as obras na A-56 e que este ano unicamente poderá ver rematados os 10 quilómetros entre San Mariño e A Barrela que xa impulsara o Goberno popular”. De feito, “o PSOE propoñía no proxecto de Presupostos Xerais do Estado para este 2019 a mesma cantidade que o Goberno do PP recollía no ano anterior”. É máis Barreiro e De Olano censuran que “o Goberno de Sánchez frease toda a obra pública licitada polo anterior Goberno popular coa intención de atribuíla posteriormente como propia cun carácter claramente electoralista”.

Pero, “o retroceso ao que somete o Goberno do PSOE a esta zona co silencio cómplice dos socialistas da provincia tamén se amosa co recorte do 27% para a electrificación da liña Monforte-Lugo á que destinaba 83 millóns fronte aos 113 propostos polo Goberno popular” que permitirían avanzar na conexión de Lugo con Madrid a través da alta velocidade. Os candidatos populares defenden que o Goberno socialista “retrasa a renovación e variantes na liña ata o 2023” demostrando que “para o PSOE o sur da provincia de Lugo non é unha prioridade. A prioridade de Sánchez é pagar aos independentistas cataláns, vascos e Podemos o seu apoio para mantelo na Moncloa”.

“Co PP, os proxectos encamiñados seguirán o seu curso”

Os populares aseguraron que “co PP os proxectos encamiñados seguirán o seu curso; pero co PSOE non están garantidos” e iso supón “un prexuízo para a comarca”. Polo tanto, “votar a Sánchez significa que obras como a autovía a Ourense queden metidas nun caixón indefinidamente”. Así mesmo, explicaron que “o voto útil é o voto ao Partido Popular” porque “o voto a calquera outra formación axuda a que Sánchez se manteña na Moncloa e siga pagando as débedas aos que o apoiaron na moción de censura e que queren romper España

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciocho + 14 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.