Representantes dos comités das empresas que operan no aeroporto de Santiago reclaman o mantemento da cantina

Representantes dos comités de todas as empresas que operan no aeroporto Rosalía de Castro, desde Aena até Iberia ou Ryanair, Seguridade, Limpeza ou Cafeterías, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar as consecuencias económicas que para as máis de 1.000 traballadoras e traballadores, na súa maioría cunhas condicións laborais precarias, tería quedar sen a cantina.

Segundo explicou Pablo de Prado, do comité de AENA, até o de agora a concesión da cantina de persoal ía ligada á concesión dos restaurantes de viaxeiros/as. Porén agora preténdese sacar o concurso da cantina por separado, co risco de que a concesión quede deserta, como ocorreu en aeroportos como o de Tenerife Sur ou Sevilla, entre outros.

Isto obrigaría ao persoal a pagar por un menú os 16€, de media, que cobran nas cafeterías de viaxeiros ou a pagar por un café 2,20€, incrementándose así en máis do dobre o custo que actualmente teñen os produtos que consumen na cantina de persoal.

Precariedade laboral

Para as traballadoras e traballadores do aeroporto que, segundo denunciaron, son vítimas dunha xa alarmante precariedade laboral, con salarios que na súa maioría nin chegan aos 1.000 euros, sería especialmente gravoso. Máis tendo en conta que non poden saír do aeroporto para ir tomar un café, comer un bocadillo ou un menú en horario laboral, porque sería considerado abandono do posto de traballo.

Neste sentido subliñaron que en moitos casos agardar ao remate da quenda de traballo para xantar ou tomar un café non é unha opción porque o persoal está obrigado, por convenio, a manterse no seu posto cando se producen atrasos nos voos.

Isto sumaríase, para unha parte importante do persoal, ao pago do aparcamento, polo que xa moitos teñen que abonar máis de 30€ ao mes, porque non teñen outro lugar onde deixar os seus vehículos.

A este respecto denunciaron tamén que na plica só quedan garantidos os prezos para o persoal de AENA, o que cualificaron como “clasista” e “discriminatorio” e aseguraron que non van permitir que sigan “espremendo ao persoal”.

Por iso reclamaron que se convoque o concurso da cantina, que leva 64 anos funcionando, vinculado ao do servizo de restauración e que se garanta, en todo caso, que o persoal non vai ter que pagar a prezo de viaxeiro/a e fixeron un chamamento a todas as traballadoras e traballadores a sumarse á concentración convocada no propio aeroporto o vindeiro mércores, día 24 de abril, ás 11:30 horas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

8 − 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.