Revista Fútbol Feminino Galego, número 66, Marzo. Unha competición de chafallada

Carlos Castro Pinhão

Permitídeme comezar este artigo dun xeito moi heterodoxo, falando dun popular xornalista galego. Gonzalo Soto ten varias virtudes. É boa persoa, é capaz de emocionarse coas cousas importantes da vida, é moi bo compañeiro entre os seus colegas de profesión e é destemido para criticar o inxusto, sen importarlle a medida do criticable. Cando fala de alguén, póñome a ler os seus textos imaxinando ao protagonista sobre o que lle toque escribir. Mentres “les o que di sobre ti”, escrito con ironía, botas un sorriso. Daquela, continuando a lectura confiado e curioso, é cando bule na túa cabeza ese pensamento íntimo, medio cómplice, medio “de ir de sobrado”: “que cabrón é este Soto!”. Asomas o queixo, sénteste importante porque te ves moi listo e, nesa distancia que el buscou, muda de súbito a ironía pola escura realidade para meterche un gancho de esquerda que, logo que se te recompoña o magma cerebral, entendas que en lugar de seres o máis listo, ao mellor es o máis “gilipollas”, con perdón. Vén isto a conto dun artigo publicado no seu sitio web, 21NOTICIAS, titulado: ¿Puede el fútbol gallego entrar en bancarrota? Louzán tiene la palabra”. Gonzalo Soto fala da taurinaxe louzaniana, das súas “maridaxes político deportivas” con Marta Míguez”, por outra banda unha política de perfil baixo, de pouco calibre, como o demostra ser “cesada fulminantemente a golpe de teléfono por Feijoo”. Recollendo os logros cuantitativos de Louzán no ente, o xornalista engade que “todo funciona adecuadamente na Real Federación Galega de Fútbol.
Todo é el Dorado para amigos e amigos de amigos” (non serei eu quen agoche ese nome maldito ao tratarse dunha cita, e estou referíndome a “Federación”, por suposto).
O asunto primordial do artigo ten que ver cos 1.545.406,59 de euros que o Consello Superior de Deportes concedeu á RFGF para a realización das obras de construción do complexo federativo en San Pedro de Visma. Agora, o ente estatal reclama a cantidade polo incumprimento de xustificación por non acreditarse o compromiso do uso e destino das instalacións ao fútbol non profesional federativo. Pero a razón desta heterodoxia inicial non é contar o que xa di e documenta Gonzalo Soto, senón o azaroso e inexplicable proceso telepático de que cando el escribía o texto e pensaba nos amigos dos amigos do
señor presidente, a un par de rías de distancia, fixo que outro pensara no mesmo: “que cabrón é este Soto!”
Por que acontecerán estas cousas? Había uns días que un amigo pontevedrés, seareiro do fútbol feminino, nos chamaba para preguntar se sabiamos como ían os ascensos e descensos na Primeira Galega esta temporada. El pensaba que subía o primeiro, tal vez o
segundo, pero cría que modificaran o número de descensos de tres a catro porque llo dixera outro que tamén o cría, pero non estaba seguro. En calquera caso, iso levounos a revisar a situación. De acontecer, tiña que aparecer no sitio web da RFGF. Efectivamente, na páxina 2 da Circular número 23 da temporada 2018/19 estaba claramente expresado: “Descenderán á LGF 2º DIVISIÓN os 4 últimos clasificados”. Modificárase o plan competicional. Pero cando? E seguimos investigando.

Chamounos a atención a data de publicación da circular, 9 de xaneiro, porque unha modificación dese estilo é lóxico que deba ser aprobada pola Asemblea do Fútbol Galego, que se celebrara o 30 de xullo en Compostela. Na mesma non constaba que se presentara
o plan competicional do fútbol feminino galego 2018/19. Entón, un dos argumentos que xustificaban a non existencia de plan, como se falaba extraasembleariamente, tiña que ver coa constitución da nova Primeira B estatal e a falta de definición do plan competicional da Segunda española para o que, desde a RFEF, se nomeara unha Comisión Delegada pola súa Asemblea.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

15 − 9 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.