Verín. En Marea propón retrasar o pago do IVE ao cobro efectivo das facturas

Luís Villares, voceiro de En Marea, e Iván Olmos, candidato ourensán ao Congreso, visitaron Verín xunto a Millán Brea, Ana Earley, Jorge Lorenzo, candidados ao Congreso e ao Senado, e Davide Rodríguez, deputado no Parlamento galego, para falar “dos problemas reais do día a día, dos problemas da xente normal” que a formación política aposta por solucionar “con medidas lexislativas do Congreso dos Deputados”, asegurou Villares para afirmar que “é o momento de falir disto e ningún outro partido o está facendo”.
Retrasar o pago do IVE ao cobro efectivo das facturas, unha reforma integral do réxime de autónomos e unha mellora das súas condicións laborais son as medidas urxentes que En Marea propón para poñer as primeiras pedras que solucionen os problemas diarios das persoas autónomas.
“Cantas veces as persoas autónomas teñen que pagar o IVE de facturas que non cobraron aínda? É xusto ter que pagar o IVE da factura que se emite antes de cobrala? Tedes que adiantar os cartos dun imposto dun ingreso que non se recibiu?” Estas son as preguntas que Villares se facía para xustificar a necesidade de modificar o réxime deste imposto. “É preciso modificar un réxime fiscal que afoga ás persoas traballadoras”, afirmou Villares para concluir que “pensamos que non se debe aboar o IVE mentres esas facturas non se pagan e isto é unha medida para a defensa do traballo autónomo e das PEMES”.
A mellora das condicións laborais das persoas autónomas foron outro dos elementos aos que o voceiro de En Marea prestou atención. “As persoas autónomas non teñen dereito a poñerse enfermos, á maternidade e á parternidade, a unha baixa ou a irse ao paro. Estas situacións son luxos para eles”, denunciou Luís Villares. Por isto, En Marea propón “unha reforma integral do réxime de autónomos que contemple para estes traballadores o mesmo sistema de prestación que para as persoas asalariadas porque as persoas autónomas teñen que coller baixas por incapacidade temporal porque tamén enferman”.
Luís Villares sinalou a falta de condicións laborais dignas como unha das principais causas do problema demográfico. Neste sentido aproveitou para responderlles aos que propoñen plans demográficos “que se deixen de lerias e garantan unhas condicións laborais dignas para que aquelas persoas que queiran ser pais e nais o podan ser sen preocuparse de se poderán pagar as facturas”.
A última das medidas ás que se referiu o voceiro de En Marea foi a un cambio no réxime de cotización dos autónomos. Neste sentido, defendeu que “os autónomos teñen que cotizar en función dos seus ingresos reais”. Villares defendeu que aquelas persoas que teñan perdas non teñen que pagar estos impostos, que deben ir ligados á xeración real de riqueza e non poden converterse nunha situación que “afogue aos traballadores e ás traballadoras”.
Pola súa banda, o candidato ao Congreso, defendeu que é preciso garantir unhas condicións laborais dignas en Galicia porque “ningunha familia quere que os seus fillos marchen para fóra se hai oportunidades dignas no seu país”. Olmos critica que o despoboamento actual de Ourense vén provocado por esa falta de oportunidades.
Olmos propón que garantir servizos públicos, defender os dereitos da xente e facer inversións en Galicia máis alá do AVE. “O PP presume de que o AVE incrementou o número de viaxeiros a Madrid como se iso fose un logro, pero é que o PP non deixa que poidan quedar aquí e porque só quixeron investir no AVE e de abandonar todo o resto”, denuncia o candidato ourensán.
Luís Villares asegurou que o voto a En Marea non é o voto útil “é o voto imprescindible”. Explicou que non se conformarán con crear un goberno progresista senón que esixirán mediddas galegas. “Galicia non saía nos orzamentos do PSOE apoiados por PODEMOS e nos queremos unha fotografía á galega. Queremos sumar dereitos e liberdades para todos pero non a costa nosa”, sinalou Villares.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.