Vilalba Aberta comprométese á posta en marcha dun Espazo de Coworking a través da ampliación do Polígono

Vilalba Aberta segue a facer públicas as diferentes medidas e propostas que darán forma ao seu Programa Electoral de cara ás vindeiras Eleccións Municipais.

Logo de presentar diante da veciñanza o seu Plan Municipal para o Retorno da Mocidade; a formación vén de dar un paso máis no seu compromiso co desenvolvemento económico e industrial do Concello de Vilalba, anunciando que vinculará a execución da nova fase do Polígono Industrial á construción dun Espazo de Coworking, isto é: un espazo físico de titularidade municipal dirixido á promoción das iniciativas emprendedoras que combine a utilización de despachos co asesoramento na xestión empresarial e a prestación duns servizos comúns para cubrir as necesidades básicas de novas empresas durante os primeiros anos da súa vida, mediante o pago dun prezo público.

Tal e como explican dende Vilalba Aberta, ter unha oficina propia, cunha boa conexión a Internet e con todas as comodidades que se necesitan para traballar cada día é algo inasumible para moitos vilalbeses/as emprendedores, que se ven obrigados a montar a oficina nas súas propias casas. Diante desta demanda de sitios nos que fundar unha empresa propia, xorden os espazos  Coworking, ou o que é o mesmo, unha alternativa económica ao aluguer dun local individual. Un concepto que revolucionou xa o emprego tradicional en numerosas vilas e cidades galegas e que a formación importará ao Concello de Vilalba se goberna a partires do vindeiro 26 de Maio.

A este respecto, no Programa Electoral de Vilalba Aberta incluso se recolle o importe mensual do prezo público contemplado pola formación e que sairá do resultado de multiplicar o número de metros cadrados do despacho autorizado, cos seus dous primeiros decimais, por 2 euros durante os doce primeiros meses de ocupación do despacho e por 6 euros a partir do decimoterceiro mes.

Ademais, dende Vilalba Aberta contémplase que cando a persoa ou a maioría das persoas promotoras do proxecto empresarial ou da entidade mercantil que acceda a un despacho sexan mulleres, aplicaráselles unha bonificación do prezo público a abonar nun 20 % mensual. Esta bonificación ten como obxecto promover a iniciativa empresarial da muller e a igualdade de xénero, coa finalidade de contribuír á creación de emprego e á integración definitiva das mulleres, en situación de plena igualdade, na familia, na sociedade e no mundo laboral, o que, en definitiva, pode conducir á consecución dun crecemento económico inclusivo e sustentable.

COMPROMISO COA AMPLIACIÓN DO CHAN INDUSTRIAL EN BASE A MECANISMOS ANTI ESPECULACIÓn

Na mesma liña, Vilalba Aberta anunciou tamén o seu “compromiso firme coa ampliación do Polígono, en base ao interese de varias empresas por asentarse no Concello e ao afán por conseguir que outras dean ese paso.”

Tal e como lembraba na mañá de hoxe o candidato á Alcaldía da Formación, Modesto Renda, “Ao carón do Polígono hai 300.000m2 que lograron da Xunta a consideración de Área de Expansión de Galicia, o que nos permite non ter que abordar unha modificación das normas urbanísticas.”

A este respecto, lembrou, “A execución desta nova fase estará vinculada á posta en marcha de mecanismos anti especulación, a fin de blindar a futura produtividade e evitar a compravenda de parcelas que logo non teñan actividade industrial nin comercial ou que, segundo se acabe de construír unha nave, o propietario/a a alugue a terceiros, sen que se poña en marcha ningún proxecto empresarial”.

Un marco normativo, que será posible a través da redacción dun regulamento que esixa do/a aspirante a presentación dun proxecto industrial ou comercial onde se inclúa unha previsión de postos de traballo e de posta en marcha da actividade nun período de tempo determinado.

NEGOCIACIÓN DUN ACCESO DIRECTO DO POLÍGONO COA AUTOVÍA DO CANTÁBRICO

A negociación dun acceso directo do Polígono coa autovía, co fin de darlle un mellor servizo e incentivar que cada vez máis empresas fixen o seu centro de produción en Vilalba, é outro aspecto a abordar dende o Goberno Municipal a ollos de Vilalba Aberta.

“A nosa condición de privilexiada encrucillada de camiños viuse reforzada pola construción da transcantábrica (A-8) e da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64). Unha realidade, que levou ao asociacionismo empresarial de Vilalba a solicitar un acceso directo coa autovía do Cantábrico. A medida, mesmo foi apoiada en Pleno, mais sen verse ningún avance ata o de agora. Vilalba atópase nunha inmellorable localización e hai que actuar nese sentido.” Declarou a este respecto Modesto Renda.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.