A Confederación Anpas Galegas e o Ceesg solicitan a incorporación de educadoras/es sociais nas escolas e institutos

Trasladarán esta demanda de xeito conxunto á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.  As educadoras/es sociais terían un papel complementario e distinto a do persoal docente. Outras comunidades hai anos que implantaron esta figura profesional

Nunha xuntanza mantida recentemente entre a Confederación ANPAS GALEGAS e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), coincidiron na necesidade de reclamar á administración educativa a incorporación de educadoras/es sociais nas aulas galegas, como se ten feito xa noutras comunidades autónomas. O papel desta figura profesional tería funcións complementarias ao persoal existente nos centros, dirixidas a fomentar a relación do centro coa súa contorna próxima, a promover a convivencia escolar e a participación das familias na vida socioeducativa do centro, e a complementar a formación que oferta o centro educativo (coeducación, interculturalidade, educación en valores, prevención da violencia machista, acoso escolar e as súas consecuencias, diversidade funcional e outras)

Os centros educativos levan moitos anos tendo que adaptarse a unha realidade cada vez máis diversa social e culturalmente. Estes cambios sociais vense reflectidos nas dinámicas escolares na actualidade a través de ferramentas como plans de convivencia, de mediación, de prevención da violencia de xénero, protocolos de actuación ante o absentismo, en casos de acoso escolar, de garantía de igualdade e non discriminación pola identidade de xénero, etc. Ferramentas moi necesarias, que son a evidencia de que os centros escolares pasaron de ser lugares de instrución, de adquisición de coñecementos, a ser un dos espazos de socialización máis importantes de toda a cidadanía. E neste cambio de modelo educativo, faltan pezas necesarias de engrenaxe: as/os educadoras/es sociais, que reforzarían definitivamente o carácter inclusivo e diverso dos centros escolares e o seu achegamento aos escenarios comunitarios.

Outras comunidades autónomas, como Castela a Mancha, Estremadura, Andalucía e Canarias xa teñen incorporado de xeito normalizado a profesionais da Educación Social no sistema educativo. En Galicia, o Ceesg leva solicitando a incorporación de educadoras/es sociais no ámbito escolar desde o ano 2003, sen que os diferentes gobernos dende aquel momento desen ningún paso. Pola súa parte, a Confederación ANPAS GALEGAS, creada en 2013, ten como unha das súas bases ideolóxicas a defensa dun ensino público profesional e inclusivo, que forneza ao alumnado galego de todas as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento persoal e social.

Ambas entidades coinciden nesta demanda, que moi pronto pretenden achegar de novo á Conselleira de Educación.

Un comentario

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

6 − cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.