Balseiro defende que a Xunta realiza un reparto “equilibrado e obxectivo” das súas axudas entre os concellos lucenses

O delegado territorial lembra que máis do 90% dos recursos distribuídos pola Xunta responden a criterios obxectivos ou a convocatorias de concorrencia competitiva, isto é onde os concellos coñecen con anterioridade os criterios que máis puntúan para obter as axudas

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, defendeu que a Xunta realiza un reparto “equilibrado e obxectivo” das súas axudas públicas entre os concellos lucenses. A este respecto sinala que o PSOE “manipula os números” para falar dunha suposta discriminación “que é falsa”, como demostra unha análise seria e rigorosa dos datos.

Balseiro sostén que máis do 90% dos recursos distribuídos pola Xunta responden a criterios obxectivos ou a convocatorias de concorrencia competitiva, isto é, onde os concellos coñecen con anterioridade os criterios que máis puntúan para obter as axudas. “A Xunta actúa con responsabilidade, resolvendo as axudas sen ter en conta a cor política dos distintos concellos, e pensando só en dar resposta ás necesidades e intereses das veciñas e veciños da provincia”

Distribución conforme a criterios obxectivos

Así por exemplo, o delegado explica que só un programa da Xunta, o Fondo de Cooperación Local, distribúe máis de 20 millóns de euros entre os concellos lucenses (unha cantidade similar á do plan único) e realiza o seu reparto conforme a criterios obxectivos pactados pola Fegamp. Entre eses criterios o fundamental é a poboación, polo que precisamente favorece aos concellos máis poboados, hoxe con alcaldes socialistas, como son os de Lugo (2,8M €), Monforte (732.000 €), Viveiro (532.000 €) e Sarria (536.000 €)

Situación similar acontece cos programas de axuda directa, que tamén responden a criterios de reparto obxectivo. Un exemplo son as achegas que a Xunta realiza para o sostemento dos servizos municipais de axuda no fogar: son máis de 15 millóns de euros anuais distribuídos entre todos os concellos lucenses en función do número de persoas maiores dependentes que ten cada concello. Ou, tamén acontece coas achegas do Fondo de Compensación Ambiental, que están relacionadas cun dato obxectivo: o número de aeroxeneradores e liñas de evacuación que teñen en cada concello.

Concorrencia competitiva

Balseiro defende ademais que este equilibrio tamén se dá no relativo ás axudas que se convocan a través dos procedementos de concorrencia competitiva. Nestes ha un baremo obxectivo e coñecido con anterioridade á convocatoria das axudas que despois se aplica para puntuar e dar prioridade a cada proxecto.

Así por exemplo en programas como os de os obradoiros de emprego, hai un equilibrio perfecto entre o número de alcaldías de cada formación política e o número de beneficiarios destes apoios (24 para o PP, 21 para o PSOE, 3 para o BNG e 3 máis para independentes).  Neste caso ademais dous concellos non gobernados polo PP, os de Lugo e Ribadeo, dispoñen de dous obradoiros cada un, e polo tanto, son os principais beneficiarios destes apoios.

O delegado explicou que incluso, nalgún casos, dáse a situación contraria. Hai axudas como ás destinadas aos concellos para a contratación de perceptores da Risga, nas que os concellos do PSOE resultan beneficiados cun maior peso do que lles corresponde en función do número de alcaldías que teñen na provincia. Neste caso recibiron axudas 14 concellos con alcaldías do PSOE, fronte aos 12 do PP, 2 do BNG e 1 rexido por independentes. Ademais os que maior número de contratacións poden facer son os concellos de Lugo e Monforte de Lemos, ambos con rexedor socialista.

Convenios en equilibrio

Finalmente o delegado aclarou que tamén hai equilibrio no que respecta aos convenios, se analizamos a distribución xeral e nun un caso concreto como fai o PSOE. Un exemplo atopámolo nos que Medio Rural asina na provincia cos concellos para financiar a compra de tractores con aparellos para a roza e limpeza de camiños e espazos forestais. Na provincia de Lugo hai 7 concellos do PSOE beneficiarios, por 7 do PP, 1 do BNG e por 2 gobernados por independentes.

“Na Xunta somos transparentes, todas as resolucións de axudas e convenios son públicas e non temos ningún problema en explicalas a quen sexa, incluso aos deputados socialistas na Deputación se fóra o caso, para que non se deixen enganar e vexan que si hai un reparto xusto e equilibrado das axudas da Xunta. Algo que por certo non facía o PSOE na Deputación ata que se viron obrigados a poñer en marcha o plan único, obrigados pola oposición e pola situación de minoría na que se atopan”-conclúe o delegado.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

17 + cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.