CIG Saúde reuniuse cos responsábeis da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte para abordar a problemática de Fisioterapia, Logopedia e Terapia Ocupacional

Este martes tivo lugar unha xuntanza no HULA na que participaron representantes da CIG Saúde e Ramón Ares, Xerente da EOXI, acompañado, entre outros cargos do Director de Procesos Asistenciais, para poñer riba da mesa a crítica situación da fisioterapia, logopedia e terapia ocupacional nos distritos sanitarios da Mariña, Lugo e Monforte, deficitaria xa de por si e agravada ao rachar o concerto asinado entre a EOXI coa empresa Fisioterapia Lugo S.L.

“A xuntanza durou preto de dúas horas nun clima de escoita activa por parte da administración sanitaria ante as demandas da CIG”, indican.

Dende CIG Saúde A Mariña puxeron en coñecemento de Ramón Ares, Xerente Provincial, as medidas indispensables para a mellora da Rehabilitación e Fisioterapia na comarca e que debe contemplar os seguintes puntos:

1-. Dotar o Hospital da Mariña de dous médicos rehabilitadores (un na actualidade) para atender a máis de 70.000 habitantes.

2-. Dotar o Hospital da Mariña de tres diplomados en fisioterapia en quenda de mañá e tarde, algo que é unha realidade grazas ao traballo da CIG dende o 25 de febreiro. “Hoxe demandamos a estabilización e mantemento no tempo destes dous novos postos de fisioterapia, obtendo o compromiso do Xerente Provincial de consolidar esas prazas”, sinalan.

3-. Dotar de persoal diplomado en Fisioterapia os ximnasios dos Centros de Saúde de Viveiro e Ribadeo para que abran tamén en quenda de tarde e non só de mañá.

4-. O ximnasio do Centro de Saúde de Foz deberá dotarse con dúas fisioterapeutas en quenda de mañá e outras dúas en quenda de tarde e habilitar o de Mondoñedo tanto na mañá como na tarde, actualmente pechado e sen material, sendo os/as pacientes de Mondoñedo e Lourenzá derivados a Foz en quenda de tarde.

Deste xeito o Centro de Saúde de Foz quedaría con dous fisioterapeutas de mañá e de tarde para atender os pacientes de Foz, e Mondoñedo quedaría cun fisioterapeuta de mañá e outro de tarde para atender os pacientes de Mondoñedo e Lourenzá.

5-. Crear o servizo de Fisioterapia no Centro de Saúde de Burela, inexistente a día de hoxe. Esta carencia coloca nunha situación de desigualdade aos pacientes de Burela respecto a outros Concellos, xa que as e os médicos de familia de Burela non poden prescribir rehabilitación nos casos que establecen os protocolos SERGAS, coma nos outros Centros de Saúde. Este feito provoca a saturación do servizo de rehabilitación do Hospital da Mariña ao ser o centro de referencia para as veciñas e veciños de Burela.

Os directivos da EOXI tomaron nota e comprometéronse a estudar a necesidade de contratar máis diplomados en fisioterapia na Atención Primaria.

FISIOTERAPIA RESPIRATORIA.

A fisioterapia respiratoria é unha rama da fisioterapia que trata os síntomas das enfermidades respiratorias, tan comúns entre os nenos pequenos”, explican dende CIG Saúde A Mariña.

Unha prestación sanitaria que non é ofertada na nosa comarca, que demandaron hoxe ante os responsables da EOXI, e que obriga ás crianzas e familias a derivarse a Lugo, “o que supón un gasto sanitario a maiores que teremos que asumir dos nosos petos polo simple feito de elixir vivir na Mariña”, afirman.

“Estes desprazamentos innecesarios a Lugo non deixan de ser unha decisión política, xa que os profesionais de fisioterapia do Hospital da Costa demandaron no seu día á Xerenta Carmen Durán Parrondo e á actual equipa directiva dirixida por María José Cortés asumir ditos tratamentos na comarca previa formación, algo ao que se negaron de xeito reiterado dende a Xerencia Executiva do centro hospitalario”, aclaran dende a central nacionalista.

O representante da CIG Saúde A Mariña fíxolle saber ao Ramón Ares que “formar ás nosas profesionais non é un gasto, é unha inversión para mellorar a atención sanitaria na Mariña”.

LOGOPEDIA.

CIG Saúde A Mariña puxo en coñecemento dos dirixentes da EOXI as denuncias de nais e pais de que as súas fillas e fillos viron suspendido o tratamento con sesións pendentes e a día de hoxe non foron chamadas, sendo chamadas só persoas para iniciar tratamento”, explican.

Por parte da administración sanitaria comprometéronse a traballar conxuntamente coa Subdirección Médica do Hospital da Mariña para detectar os casos mencionados e garantirlles a continuidade da asistencia sanitaria.

Na Mariña, explican, xa sufrimos as consecuencias de deixar en mans privadas prestacións sanitarias básicas, mais o SERGAS teima en cometer o mesmo erro en vez de apostar por unha logopedia cen por cen pública.

“Se outros hospitais públicos dispoñen de logopedia na súa carteira de servizos e prestacións cal é o motivo para discriminar aos mariñaos e mariñás? Somos cidadáns de segunda? Son estes os máis e mellores servizos prometidos coa ampliación do noso hospital?”, pregúntanse dende a CIG.

TERAPIA OCUPACIONAL.

CIG Saúde A Mariña reivindicou ante os responsables da EOXI que os mariñaos e as mariñas teñen os mesmos dereitos sanitarios que os de Lugo, e non son de segunda polo que pediron a Ramón Ares, xerente provincial, un reparto xusto e equitativo dos recursos económicos, humanos e materiais que contemple a prestación de terapia ocupacional do mesmo xeito que no HULA.

CIG Saúde entende que esta ten que ser a primeira de varias xuntanzas cos máximos responsables da sanidade, para vixiar, valorar e avaliar a situación da atención de fisioterapia, rehabilitación, logopedia e terapia ocupacional na comarca.

“Agardamos que a Xerencia da EOXI actúe de boa fe, de xeito transparente e tome as medidas necesarias para solventar a situación actual, nós estaremos vixiantes para que así sexa”,conclúen.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

16 − trece =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.